RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor despega e engánchase á zona alta en ABANCA-Balaídos coa terceira vitoria no mes de xaneiro

O Dépor despegou en ABANCA-Balaídos ao derrotar á Celta Fortuna (1-2) e engánchase á zona alta da clasificación ao sumar a súa terceira vitoria no mes de xaneiro, ademais ante rivais directos.

Os Nosos chegaban a Vigo após un sólido triunfo en ABANCA-RIAZOR ante a SD Ponferradina (2-0) e en 5ª posición da táboa con 32 puntos; é dicir, en postos de play off.

Imanol Idiakez recuperou a Balenziaga, que cumpriu partido de sanción a pasada fin de semana; e a Pablo Martínez, co visto e prace dos Servizos Médicos para competir após o traumatismo craneenfecálico sufrido en León. Ambos foron titulares.

Pola súa banda, o Celta Fortuna citábase co Dépor despois de dúas derrotas consecutivas (0-1 ante o Nàstic e 2-1 en Sabadell), pero 3º na táboa con 38 puntos.

Cos últimos acordes do himno galego cantados pola bancada arrincou un partido con ritmo, con chegadas en ambas as áreas aínda que sen precisión.

No Dépor apareceu máis Mella pola dereita que Yeremay pola esquerda. Por esa banda dirixiron os branquiazuis (hoxe de amarelo) as súas primeiras incursións na defensa celeste.

Ao cuarto de hora, Pablo Vázquez viuse obrigado a derrubar a Raúl Blanco cando este encaraba a área. O defensor recibiu con xustiza o cartón amarelo.

O primeiro disparo con perigo foi para Román, que xutou desde fóra da área após un contragolpe ao pau esquerdo da meta de Germán.

Antes, o Dépor inquietou a meta viguesa cunha cabezada de Villares após un saque de esquina que a meta Ruly enviou de novo a córner.

O partido ía de área a área. O céltico Damián xogouse a expulsión por unha fea entrada a Yeremay cando este se ía cara á área que ben puido ser vermella. O colexiado estremeño Manuel García Gómez optou por mostrar a amarela ao futbolista vigués.

Pasada a media hora, Os Nosos protagonizaron unha longa xogada de ataque con varios centros sen precisión para atopar rematador.

Aos 35 minutos, Raúl Blanco dispara con rosca demasiado alto sobre a meta de Germán. E dous minutos máis tarde, após un contragolpe celeste levado con certa fortuna nos rebotes, Pablo Martínez salva na área o remate de Durán de socato.

A última ocasión de perigo da primeira metade foi deportivista: Villares non chega por pouco a un bo balón filtrado por Mella.

Sen máis sobresaltos concluíu a primeira metade. "Custounos axustar un pouquiño. Habemos ir a buscarlles na súa área, eles decidiron xogar con últimas liñas e aí custounos. Tivemos un par de sustos con eles correndo moitos metros ás nosas costas", explicou Imanol Idikez na sala de prensa.

Após o paso polos vestiarios, o Dépor foi mellor co paso dos minutos. "Fomos capaces de quitarlles o balón nos seus reinicios, de ter máis a pelota...", subliñou ante os medios o preparador deportivista, "orgulloso" dos seus.

O primeiro remate foi branquiazul. Jose Ángel cabecea alto o saque dunha falta lateral lanzada por Lucas.

O irregular estado do céspede de Abanca-Balaídos, que ademais soportou o partido entre o RC Celta e o Girona ás 14:00, dificultaba os controis de balón a ambos os equipos e provocou moitas imprecisións.

O ritmo de xogo baixou e ambos os equipos repartíronse o dominio do balón sen achegarse con perigo a ambas as áreas.

Germán desvía a saque de esquina un disparo de Román dentro da área nunha transición rápida do Celta Fortuna. Corría o minuto 58.

Aos 60 minutos Pablo Vázquez adiántase ao seu par e cabecea totalmente só un saque de esquina. O balón foise lixeiramente alto en quizais a mellor ocasión do partido até este momento.

O Dépor adiántase no marcador no minuto 72. Pablo Vázquez, un central reconvertido tamén en pichichi, remata á rede un balón após un saque de falta que a defensa da Celta Fortuna non logra a despexar.

Hugo Rama, que relevou a un esgotado Mella, puido lograr o segundo pero o seu remate libre de marca no segundo pau, a centro de Lucas desde a banda esquerda, márchase alto.

Si acertou Rubén López, que relevou a Yeremay. A un minuto para o final dispara raso cruzado e o balón, após golpear no pau, cóase na meta de Ruly. Delirio na bancada ocupada por #ANOSAFORZA.

Os vigueses envorcáronse á área de Germán e Manu Garrido logrou recortar diferenzas xa no desconto nun balón ás costas da defensa deportivista. Imanol Idiakez lamentouse dese tanto que supuxese gañar tamén o golaverage particular co Celta Fortuna posto que na primeira volta gañaron os célticos en ABANCA-RIAZOR por 0-1.

Con varios minutos por diante, o Dépor soubo xogar os últimos instantes nos que Germán non tivo nin que intervir. 

Ao final, vitoria importante que engancha definitivamente a Os Nosos á loita por todo. 

Celta Fortuna: Ruly, Javi Rueda, Yoel Lago (Javi Domínguez, min. 84), Joel López, Javi Rodríguez (Fer López, min. 71), Miguel Román (Manu Garrido, min. 84), Damián, Hugo Álvarez, Alfon, Pablo Durán (Tincho, min. 62) e Raúl Blanco (Manu, min. 71)

Deportivo: German, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga (Jaime, min. 86), Villares, Jose Ángel, Mella (Hugo Rama, min. 78), Yeremay (Rubén López, min. 86), Lucas e Davo (Barbero, min. 71)

Goles: 0-1 Pablo Vázquez (min. 72); 0-2 Rubén López (min. 89); 1-2 Manu Garrido (90+2)

Árbitro: Manuel García Gómez, do comité estremeño. Amoestou a Pablo Vázquez (min. 15), Jose Ángel (min. 27), Damián (min. 28), Javi Rodríguez (min. 46) e Román (min. 70)

Incidencias: partido correspondente á 21ª xornada no grupo 1º de Primera Federación disputado en Abanca-Balaídos, con presenza duns 500 deportivistas na bancada

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK