O Deportivo visita este domingo 16 de novembro ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion, TVG, GOL, TEN e Cayo TV) ao Córdoba CF no Bahrein Victorious Nuevo Arcángel en partido correspondente á 14ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Os Nosos, co triunfo da pasada fin de semana ante a Cultural Leonesa, chegan ao choque en 3ª posición con 23 puntos.
Son baixa para o encontro por lesión Ximo Navarro, Escudero e Bachmann.
O defensor xuvenil Samu foi o representante de ANOSACANTEIRA.
O choque é especial para dous branquiazuis con pasado cordobés: Miguel Loureiro, cunha temporada; e Eric Puerto, que militou 8 campañas desde infantís até o filial.
O Dépor viaxou á cidade andaluza, vía Sevilla, este sábado pola mañá e tentou adestrarse por última vez antes do partido esta tarde na Cidade Deportiva do Córdoba CF en pleno temporal.
Houbo choiva constante e intensa, temperatura ao redor dos 16 graos, forte vento e tormenta eléctrica incluída.
Ante o forte temporal, o corpo técnico decidiu acurtar o adestramento, limitado a unha activación supervisada polo preparador físico Roberto Cabellud.
A cidade andaluza está en alerta amarela pola borrasca Claudia e todos os partidos de fútbol base foron suspendidos.
Antonio Hidalgo, na rolda de prensa previa, subliñou que o Córdoba CF "é un equipo que vai cara a adiante, te estresa moitísimo".
Alerta que os principios e finais dos seus partidos son "moi intensos".
O técnico deportivista pide "ter dose de balón para ter esa pausa e instalarnos en campo contrario, ser atrevidos, sufrir eses momentos de tensións porque o Nuevo Arcángel vai ter unha gran entrada, coa traxectoria que levan".
Pola súa banda, o Córdoba CF, que a pasada fin de semana empatou (2-2) co Málaga CF, é 8º con 20 puntos.
No seu campo esta temporada os blanquiverdes non perden desde o 24 de agosto, cando foron derrotados por 1-3 pola UD Las Palmas.
A partir de aí gañaron ao CD Castellón (2-1), Cultural Leonesa (1-0) e AD Ceuta FC (2-0); e empataron co Real Racing Club (2-2) e UD Almería (1-1).
O seu técnico, Iván Ania, asegura ver aos seus xogadores esta semana "enchufados, con ganas de que chegue o partido".
Explicou que conta con Alcedo, que "levaba moito tempo fóra das convocatorias"; e confirmou a baixa de Adilson e Vilarrasa por lesión, e Albarrán pola súa expulsión en Málaga.
Ve ao Dépor como "un dos equipos máis potentes da categoría. Leva arriba toda a temporada por méritos propios. É un equipo con moito talento, cunha estrutura para defender e outra para atacar. Moitas veces inician de 3, ben con 3 centrais ou con 2 e meten un mediocentro entre centrais. Ten unhas características diferentes aos rivais que nos enfrontamos até agora".
Finalizado o encontro, Os Nosos pasan a noite en Sevilla, regresan este luns ao mediodía e adestraranse no Dépor Training Center nada máis aterrar en Galicia.
