O Dépor debuta hoxe mércores 4 de decembro na Copa del Rey coa visita ao Ourense CF ás 20:00 horas no campo do Couto (TVG).
O encontro pertence á segunda eliminatoria posto que os branquiazuis, pola súa condición de campións de Primera RFEF a temporada pasada, quedaron exentos na primeira rolda.
Os Nosos chegan ao choque após o espectacular triunfo ligueiro en Cádiz do pasado sábado por 2-4 e na zona tépeda da clasificación de LaLiga Hypermotion (15º con 20 puntos).
Óscar Gilsanz confirmou onte as ausencias por lesión de Dani Barcia, Bouldini e Jose Ángel, este na fase final da súa recuperación aínda que está sancionado en Copa pola súa expulsión no partido ante o CD Tenerife da pasada xornada.
O Dépor realizou esta mañá en Abegondo unha última sesión de traballo; cunha activación con roldo e un ensaio das accións a balón parado.
O preparador deportivista afirma que haberá "algún futbolista do filial connosco" no Couto aínda que lembra que "temos esa limitación pola propia regulamentación. Só 6 xogadores con ficha do filial poden estar inscritos no partido. E hai que ter sempre 7 futbolistas con ficha do primeiro equipo no campo. Iso é unha limitación".
Pola súa banda, o Ourense CF que dirixe o ex canteirán e ex adestrador deportivista Pablo López, milita en Primera Federación após lograr o ascenso a pasada temporada.
O pasado sábado, os ourensanistas venceron á SD Ponferradina no Couto por 2-1, resultado que os sitúa na 18ª posición con 16 puntos despois de 3 triunfos consecutivos en liga.
Na primeira rolda de Copa, o Ourense CF eliminou ao CD Guijuelo (1-2).
Onte en rolda de prensa, Óscar Gilsanz advertiu que "está a dar moi bo nivel as últimas xornadas".
Por conseguinte, vaticina un partido "complicado. É un rival de Primera RFEF que polo menos para min meréceme toda a atención. Debemos de preparar ben o partido. Queremos pasar a eliminatoria e para iso temos que darlle importancia ao partido, ao rival".
Finalmente, achega do ex deportivista Jairo, agora no Ourense CF, o adestrador do Dépor afirmou que "está a ter moito protagonismo. Está a xogar nunha posición que a el se lle fai familiar, que é a de interior, con moito contacto co balón. Esíxeselle unha fortaleza que ten, que son os desmarques de ruptura. Nestas últimas semanas está a un moi bo nivel. É algo do que aquí nos alegramos. É un mozo que sae de aquí, que bota tantos anos no Club e queres que lle vaian as cousas ben. Se pode ser aquí e se non cando saen, tamén".
O club ourensanista recomenda a #ANOSAFORZA que compre entradas das bancadas de preferencia (ao prezo de 25 euros) e de fondo (20 euros).
A venda anticipada pode ser online nesta ligazón; na oficina de Oira con este horario: de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00; e nos despachos de billetes do Estadio do Couto o mesmo día do partido.
Concluído o encontro, o Dépor adestrarase de novo en Abegondo mañá xoves 5 de decembro ás 11:00.
