RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor inicia a liga cunha vitoria incontestable e "importante" en Granada

O Dépor arrincou LaLiga Hypermotion este sábado 16 de agosto no Nuevo Los Cármenes cunha incontestable e "importante" segundo Antonio Fidalgo vitoria ante o Granada CF por 1-3.

Mario Soriano adiantou aos branquiazuis ao fío do descanso; e na segunda metade Eddahchouri primeiro e Escudero no 90 certificaron a superioridade deportivista.

Os Nosos chegaban a esta primeira cita ligueira despois dunha pretemporada con 4 vitorias (incluídas o Emma Cuervo e o Trofeo Teresa Herrera ante dous 'primeras' de España e Francia), un empate e tan só unha derrota, pola mínima ante o Watford.

Perdeuse por lesión o encontro Jose Ángel.

O equipo incorporou esta mesma semana a un novo porteiro, o internacional austríaco Daniel Bachmann, en substitución de Helton Leite. En Granada, Hidalgo optou por darlle a titularidade a Germán.

Pola súa banda, o Granada CF presentou esta semana no Estadio Nuevo Los Cármenes a cinco incorporacións: Casadesús, Hormigo, a meta Astralaga, Faye e Diallo.

O seu último partido de pretemporada, o pasado sábado 9 de agosto co Trofeo Ciudad de Granada, levouno o Al Ain FC por 0-3.

Ademais deste amigable, disputou outros 3, saldados con 1 derrota (0-2 ante o Orlando Pirates) e dous empates (1-1 ante o Cádiz CF e 0-0 ante Qatar SC).

Antonio Hidalgo dispuxo de inicio un once clásico da recta final da pretemporada, con 3 centrais (Loureiro, Comas e Barcia), 2 carrileros (Luismi Cruz e Escudero), 2 mediocentros (Villares e Gragera) e 3 futbolistas que levaban o mango en ataque (Mario Soriano, Yeremay e Eddahchouri).

O adestrador branquiazul opinou na sala de prensa que "empezamos ben, atopando situacións por fóra".

A primeira do encontro foi para Rodelas aos 6 minutos. O canteirán aproveitouse dunha indecisión da zaga deportivista e plantouse ante Germán. A meta deportivista sacou ben o disparo raso do granadino.

Respondeu Eddahchouri 2 minutos máis tarde. Algo escorado en banda esquerda, o disparo do holandés estrelouse no corpo do porteiro Luca.

De novo o dianteiro deportivista, esta vez a pase de Villares e por banda dereita, estrelou o balón no lateral da rede do Granada CF.

Diallo, aos 24 minutos, tentouno de lonxe. O seu chute saíu moi alto.

"Eles empezaron altos e até a pausa de hidratación non estivemos axustados. Saían con certa facilidade, estaban a atoparnos as costas. A partir desa pausa axustamos algunha cousa e atopamos o gol", indicou Hidalgo.

Adiantouse o Dépor ao fío do descanso após unha gran xogada colectiva que iniciou Villares. O balón pasou por Yeremay, Eddahchouri e Mario Soriano, quen no man a man ante Luca báteo con habilidade.

Con 0-1 após un par de centros laterais do Granada CF pero sen perigo chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, os andaluces acosaron á meta de Germán até 3 saques de esquina case consecutivos.

A defensa do Dépor mostrouse firme e non fixo concesións aos atacantes nazaríes.

O técnico deportivista subliñou na sala de prensa que "empezamos moi ben, atopamos o segundo gol".

Eddahchouri, máximo goleador da pretemporada, anotou após unha gran combinación con Luismi Cruz. O dianteiro meteuse na área e bateu a media altura a Luca.

Luca si salvou un man a man con Yeremay no minuto 52. O canario chegou sen forzas despois de marcharse por velocidade da defensa 

O Granada CF recortou diferenzas cun zapatazo de Hongla desde fóra da área ao que non puido responder Germán. Corría o minuto 53.

Apertaron en busca do empate os branquivermellos, que "empuxaron e metéronche no teu campo", segundo Hidalgo.

No entanto, o Granada CF quedou con dez por expulsión de Lama con dobre amarela.

"Lemos moi ben o partido despois da expulsión", recalca ao míster do Dépor, quen lembra que "os cambios nos deron moito para conseguir esta vitoria".

Até en 3 disparos puido sentenciar Yeremay o encontro pero uno deles foise ao pau dereito, outro saíu lamiendo o pau esquerdo e outro se estrelou no lateral da rede.

Si acertou Escudero no 90. Roubou un balón ao bordo da área do Granada CF e xutou raso lonxe do alcance de Luca. Foi o seu primeiro gol coa camiseta do Dépor.

Seguiuno tentando Yeremay, que de novo se atopou co corpo de Luca.

Cun Granada CF xa derrotado e cun Deportivo que seguiu acumulando situacións claras chegouse ao final.

Granada CF: Luca, Lama, Weissman, Stoichkov (Mario Jiménez, min. 73), Trigueros (Sergio Ruiz, min. 55), Hongla, Pablo, Diallo, Williams, Rodelas (Insua, min. 73) e Óscar (Samu Cortés, min. 84)

Deportivo: Germán, Luismi Cruz (Mella, min. 60), Loureiro, Comas (Ximo Navarro, min. 76), Barcia, Escudero, Villares (Patiño, min. 76), Gragera, Yeremay, Mario Soriano (Cristian Herrera, min. 84) e Eddahchouri (Bouldini, min. 60)

Árbitro: Daniel Palencia, do comité vasco. Amoestou a Eddahchouri (min. 35), Lama (min. 60 e min. 65), Yeremay (min. 69) e Pablo S. (min. 77)

Goles: 0-1 Mario Soriano (min. 42); 0-2 Eddahchouri (min. 50); 1-2 Hongla (min. 53); 1-3 Escudero (min. 90)

Incidencias: Partido disputado no Estadio Nuevo Los Cármenes nunha noite por encima dos 30 graos