O Dépor ABANCA venceu por 1-0 este venres 14 de noviembrecon ao Levante UD en encontro correspondente á 11ª xornada en Liga F disputado en ABANCA-RIAZOR.
Con este resultado, As Nosas suman 10 puntos e ascenden á 10ª posición á espera que se xogue o resto da xornada.
Decidiu o choque un tanto de Marisa no minuto 55.
Fran Alonso, na rolda de prensa pospartido, cualificou a vitoria como "moi necesaria" despois de 7 partidos consecutivos sen gañar.
Foi baixa para o encontro Paula Monteagudo por lesión.
As internacionais Redru e Michi Apóstol, ademais de Lucía Rivas, completaron a convocatoria para o encontro. As dúas primeiras tiveron minutos na segunda metade.
Pola súa banda, o Levante UD presentábase en ABANCA-RIAZOR pechando a táboa de clasificación con 2 puntos e con novo técnico. Andrés París relevou esta mesma semana a Santiago Triguero.
A primeira parte foi de maior dominio deportivista, que o tentou de lonxe grazas aos disparos de Espe Pizarro no minuto 13 demasiado alto ou de Olaya no 23 ás mans da porteira Coronado.
Marisa probou fortuna á media hora dentro da área pero o seu chute raso pasou preto do pau dereito da meta levantinista.
Pola súa banda, o Levante UD optou polas contras. O seu único disparo con certo perigo na primeira parte correu a cargo de Le Guilly, desde a frontal da área, lixeiramente desviado. Corría o minuto 17.
Sen goles chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Olaya puido desnivelar no marcador no minuto 48 pero o seu remate afastado márchase fóra após tocar no poste esquerdo da meta do Levante UD.
Seguía o Dépor ABANCA levando o peso do partido.
Tamén ao pau, esta vez o traveseiro pero da meta deportivista, foi o chute de Erika, a mellor xogadora levantinista, desde fóra da área. Corría o minuto 50.
Adiantáronse no marcador As Nosas no minuto 55. Nunha transición a cargo de Ainhoa Marín o balón chégalle a Marisa no segundo pau que en carreira colocou o balón axustado ao pau dereito da meta de Coronado, imposible para a porteira visitante.
O tanto liberou ás deportivistas, que comezaron a trenzar xogadas.
A sentenza tívoa Ainhoa Marin, elixida MVP do partido, cun remate ao segundo pau que se estrelou no corpo de Coronado e un disparo franco de Olaya desde a frontal da área pequena que se foi alto, con todo a favor.
O Levante UD tratou de igualar en balón parado con saques de esquina e cunha cabezada de Erika que non colleu portería.
"É digno de eloxio a maneira na que se levantou o equipo. Fixemos un partido moi serio", concluíu Fran Alonso.
Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara, Raquel, Barth, Paula Novo, Henar (Lucía Martínez, min. 79), Paula Gutiérrez (Redru, min. 90+1), Olaya, Espe Pizarro (Michi Apóstol, min. 79), Ainhoa Marin (Bárbara, min. 90+1) e Marisa (Millene, min. 67)
Levante UD: Coronado, Le Guilly, Alma (Traore, min. 68), Teresa, Eva Alonso, Núñez (Inés, min. 68), Erika, Dolores, Gabaldón (Alharilla, min. 61), Carrasco (Luque, min. 86) e Carol
Árbitra: María Gloria Planes, do comité murciano. Amoestou a Henar (min. 53), Dolores (min. 66), Alharilla (min. 76), Le Guilly (min. 81) e Erika (min. 82)
Gol: 1-0 Marisa (min. 55)
Incidencias: partido correspondente á 11ª xornada en Liga F disputado en ABANCA-RIAZOR ante 857 espectadores e baixo unha persistente choiva
