O Dépor visita mañá sábado 10 de febreiro ás 18:00 (FEF TV) nas Gaunas á SD Logroñés, en partido correspondente á 23ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.
Os resultados da pasada fin de semana, co triunfo (4-1) en ABANCA-RIAZOR ante o CF Fuenlabrada, deixou a Os Nosos en 5º lugar con 38 puntos, a 5 puntos do líder, a SD Ponferradina.
Imanol Idiakez advertiu onte ante os medios de comunicación que "vimos dun bo momento pero o sábado imos ter un partido de máxima dificultade, un rival que se está xogando a vida e que nos vai a expor un partido a cara de can".
Alerta pois que "temos que ir con todo e sobre todo estar moi centrados no partido".
É baixa para o partido Davo, sancionado con dous partidos pola súa expulsión da pasada fin de semana ante o CF Fuenlabrada. "É unha pena que un futbolista non poida exercer o seu traballo practicamente 3 semanas seguidas por unha acción que é unha bobada de patio de colexio. É unha pena pero non decidimos nós e temos que acatar as decisións doutros, gústenos ou non nos guste", lamentouse o técnico vasco.
Con esa ausencia na liña ofensiva, Barbero é unha das opcións para entrar no once, segundo admitiu onte o preparador deportivista: "Temos que valoralo un pouquiño. É verdade que a lesión foi longa, que é normal que necesite un período de adaptación e estamos a valorar todos como o vemos e se o vemos xa preparado. Cada día vémolo un pouquiño mellor, pero imos esperar a tomar a última decisión".
Iso si, alégrase de que "temos tamén a Raúl Alcaina, ou sexa que podemos podemos elixir".
Rubén será o representante de #ANOSACANTEIRA posto que Martín Ochoa, que traballou toda a semana co Dépor, adestrouse esta mañá xa co Fabril.
Despois da sesión de onte condicionada pola borrasca Karlotta, Os Nosos realizaron esta mañá en Abegondo un último adestramento antes de partir a Logroño, vía Bilbao. O corpo técnico dispuxo após unha activación con rondos no campo 2 dun ensaio do plan de partido e un repaso ás accións a balón parado no campo 3. Imanol Idiakez lembra que a estratexia "estatisticamente oscila entre o 30 e o 40% dos goles dos equipos nas ligas profesionais. É unha faceta de xogo moi importante. É unha moi boa noticia que sexamos un equipo que nese aspecto estea tan ben. Temos sobre todo a sorte de ter grandes lanzadores e grandes rematadores. E logo somos un equipo que o traballa, que cre niso, que vai de verdade. Nese aspecto moi contento".
Na primeira volta en ABANCA-RIAZOR o pasado 12 de novembro impúxose o Dépor (2-0) grazas aos goles de Pablo Martínez e Davo.
O conxunto rioxano, que vén de empatar a fin de semana en Barcelona (1-1), é 18ª clasificado con 21 puntos.
Esta temporada no seu campo, a SD Logroñés gañou ao FC Barcelona Atlétic (1-0), Sestao River (3-0) e SD Tarazona (2-1); empatou coa UE Cornellà (2-2) e CE Sabadell FC (1-1); e caeu co CF Rayo Majadahonda (0-1), Unionistas de Salamanca CF (0-1), Real Sociedad B (0-2), Celta Fortuna (2-3), Nastic de Tarragona (0-2) e SD Ponferradina (0-3).
Haberá festa para as afeccións nas horas previas, de #ANOSAFORZA desprazaranse sobre 1.500 persoas, mañá sábado desde as 14:00 horas cunha 'macarronada' e música.
Ante o que se presupón unha gran entrada, a directiva logroñesista decretou o encontro como día de axuda ao Club, co que os socios terán que pasar tamén por despacho de billetes.
Finalizado o encontro, o Dépor adestrarase de novo o martes 13 de febreiro ás 17:00 en Abegondo.
