O Dépor conclúe "unha boa semana de traballo", tal e como subliñou Imanol Idiakez este mediodía, mañá sábado 4 ante o Sestao River (18:00, FEF TV) en Las Llanas, en choque correspondente á 35ª xornada en Primera Federación.
O técnico deportivista subliñou ante os medios de comunicación este mediodía que o equipo "traballou moi ben e estamos preparados. Sabemos o partido que temos, o rival, o campo, o escenario, o espectáculo na bancada tamén con dúas afeccións moi boas. Estamos preparados", conclúe.
Os resultados da última xornada deixaron a Os Nosos líderes con 68 puntos por 64 do FC Barcelona Atlétic, 2º na táboa. Por detrás veñen Nástic e Celta Fortuna, ambos con 60 puntos.
Pérdense o partido Jose Ángel, sancionado por acumulación de amoestacións; e os lesionados Hugo Rama e Ximo Navarro, ambos con adestramento personalizado estes días.
O preparador deportivista admite que as dúbidas no once son "as que ten un adestrador todas as semanas pero mañá vai haber un once moi competitivo en Las Llanas pola nosa banda".
Sobre Ximo Navarro, Imanol Idiakez explica que "o sábado pasado tentamos, pensando que estaba mellor do que estaba. Non é recaída pero non avanzou o que pensabamos. Imos ver se está para a semana que vén. Hai posibilidades".
Rubén López será o representante de #ANOSACANTEIRA na citación de 22 futbolistas.
Antes de viaxar pola tarde ao País Vasco, o Dépor realizou esta mañá unha última sesión de adestramento entre os campos 2 e 3 de Abegondo cunha activación, rondos e repaso ao plan de partido.
Pola súa banda, o Sestao River, que a pasada fin de semana empatou (1-1) na súa visita á UE Cornellà, é 15º con 38 puntos.
No partido da primeira volta disputado en ABANCA-RIAZOR o pasado 10 de decembro houbo empate (1-1). Adiantáronse os sestaotarras no minuto 28 e logrou a igualada Mikel Balenziaga no 35, resultado que sería xa definitivo.
En Las Llanas, o Sestao River non perde desde o 3 de decembro, no que o CD Lugo foi capaz de sacar os 3 puntos (0-1); suma 4 triunfos consecutivos; e tan só 2 goles encaixados no seu campo na segunda volta.
Por conseguinte, esta temporada o conxunto vasco gañou ao Celta Fortuna (1-0), CA Osasuna B (2-1), CD Arenteiro (1-0), CE Sabadell FC (3-0), SD Logroñés (2-0), CF Rayo Majadahonda (3-0) e Real Unión (3-1); empatou coa Real Sociedad B (0-0), Cultural Leonesa (0-0), UE Cornellà (1-1), CD Teruel (1-1), Unionistas de Salamanca CF (0-0) e Nástic de Tarragona (1-1); e caeu ante a SD Ponferradina (0-1), FC Barcelona Atlétic (1-3), CF Fuenlabrada (1-2) e CD Lugo (0-1).
Haberá festa previa ao encontro nos arredores do estadio, con actuacións musicais; e Javier Irureta, ex adestrador dos dous equipos, recibirá á Insignia de Oro e Brillantes do Sestao River e fará o saque de honra.
#ANOSAFORZA estará representado por polo menos 800 deportivistas nas bancadas nun partido declarado como 'Medio Día del Club'. Por conseguinte, os socios do conxunto verdinegro tamén terán que pasar polo despacho de billetes.
Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o martes 7 de maio ás 11:00 en Abegondo.
