O Dépor recibe este venres 19 de setembro, en palabras de Antonio Hidalgo na sala de prensa, a "un rival que nos vai a pór as cousas moi complicadas, que vén facendo as cousas moi ben desde a chegada de Sergi Guilló (o seu adestrador)", a SD Huesca (TEN, GOL, TVG e LaLiga TV Hypermotion, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) en partido correspondente á 6ª xornada en LaLiga Hypermotion.
O técnico advirte que os oscenses forman "un bloque moi compacto en moitas zonas do campo, moi agresivos, quítanche moitísimo tempo. Están a facer un gran inicio e alégrome moito por eles", afirma o técnico deportivista, con pasado recente en Huesca.
De feito, confesa que o partido servirá para "reencontrarme con moita xente coa que convivín o ano pasado alí, con todo o que pasamos alí, con todo o que nos custou. É un orgullo compartir ese tempo con eles. Cando empezo a rodar o balón seremos rivais, cada un teremos nosos intereses pero gardo un recordo moi bonito do que pasei alí".
Os Nosos chegan ao choque na 2ª posición da táboa con 11 puntos despois do triunfo do pasado sábado por 1-5 en Mendizorrotza ante o CD Mirandés.
Son baixa para o encontro Jose Ángel, que xa fai tarefas co grupo; e Jose Gragera, aos que Antonio Hidalgo, espera que "se recuperen canto antes".
O de mañá será ademais o último encontro que poderá xogar David Mella antes de incorporarse este luns 22 de setembro á selección española sub-20 que xogará en Chile o Campionato do Mundo da categoría.
Respecto diso, o preparador branquiazul opina que "imos ter un recurso menos durante un tempo. Alégrome moito por el, porque o merece, porque lle vai a dar ese plus de confianza. O ano pasado Rubi na UD Almería perdeu a un xogador referencia no play off. Agora é o mesmo. As regras están así, non as podemos cambiar, hai que aceptalas pero cando David non estea buscaremos outra solución, nos reinventaremos".
Os Nosos completaron esta mañá no campo 2 de Abegondo unha última sesión de adestramento, consistente nunha activación con rondos, un exercicio táctico, unha tarefa de finalizacións e un ensaio de accións de estratexia.
Samu e Kike Fernández foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Pola súa banda, a SD Huesca, que a pasada fin de semana impúxose no Alcoraz ao Málaga CF por 1-0, é 6º con 10 puntos.
O partido será especial para o técnico deportivista e Miguel Loureiro, con pasado recente no conxunto azulgrana.
Lonxe do seu campo esta temporada os aragoneses venceron ao CD Mirandés (0-1) e caeron coa AD Ceuta FC (2-1).
O seu técnico, Sergi Guilló, cualificou en rolda de prensa a cita de mañá venres en ABANCA-RIAZOR como "partidazo nun dos campos máis importantes da categoría, un dos equipos con máis historia da categoría, un equipo que está feito para ascender".
Engade que o Dépor "é un equipo que está a facer as cousas moi ben, vén en plena forma, vén de gañar fóra de casa cun resultado moi avultado, con moita dinamita arriba".
Cre que "temos que ter un bo plan e saber cal é o noso momento no partido; e ser valentes. O que nos está levando a ter as sensacións que temos, a ter esa seguridade defensiva que temos é ser valentes. E por aí ten que ir o partido".
Finalizado o choque, Os Nosos adestraranse de novo o sábado 20 de setembro ás 10:30 en Abegondo.
