RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor recibe mañá en ABANCA-RIAZOR a un Unionistas de Salamanca que leva uns anos facendo as cousas moi ben

O Deportivo mídese a Unionistas de Salamanca CF mañá domingo 7 de abril ás 17:00 en ABANCA-RIAZOR (TVG-2 e FEF TV), en partido correspondente á 31ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

Imanol Idiakez alertou onte venres na sala de prensa que o conxunto salmantino "leva uns anos facendo as cousas moi ben. Ten unha xestión moi boa. Leva anos aí nunha categoría tan importante como a Primera RFEF. A nivel de dirección deportiva, de confección de cadro, de adestrador, de xestión, é un equipo moi ben traballado e aí están os resultados. É un equipo sen gran nome pero que fai moi ben as cousas e que demostra que no fútbol non fai falta tantos nomes para conseguir resultados se fas ben as cousas".

Os resultados da última xornada, co triunfo na Cidade Deportiva Dani Jarque ante a UE Cornellà (0-1), deixaron a Os Nosos no liderado do grupo 1º de Primera Federación con 58 puntos por 57 do FC Barcelona Atlétic, 2º clasificado. Por detrás veñen Nástic de Tarragona (54 puntos), RC Celta Fortuna (51 puntos) e SD Ponferradina (50 puntos).

O adestrador branquiazul citou mañá en ABANCA-RIAZOR a todo o seu cadro ademais de Rubén López, representante de #ANOSACANTEIRA.

Ante os medios de comunicación o técnico vasco confirmou que David Mella, suplente a pasada fin de semana ante a UE Cornellà debido ao seu paso pola selección española sub-19 en Eslovenia, está en condicións para competir: "Viña de xogar case 3 partidos enteiros en 7 días. A véspera acabou cunha molestia no isquio e era un risco importantísimo. Esta semana tivemos 2 días libres para recuperar el tamén a nivel mental. Fixo a semana completa e está en perfectas condicións".

O Dépor realizou esta mañá unha última sesión entre os campos 2 e 3 de Abegondo cunha activación con roldo, un partido, unha tarefa táctica e un repaso ás accións a balón parado.

No partido da primeira volta disputado no Estadio Reina Sofía o 17 de setembro (4ª xornada) houbo empate (1-1). Adiantáronse os salmantinos ao pouco de empezar a segunda parte e igualou Pablo Valcarce no minuto 62.

Pola súa banda, o Unionistas CF, que a pasada fin de semana venceu (1-0) á SD Logroñés, é 8º na clasificación con 42 puntos.

Lonxe de Salamanca o conxunto de Daniel Ponz non perde desde o pasado mes de decembro, cando o día 10 caeu (1-0) coa CE Sabadell FC. Ademais foron capaces de puntuar en Tarragona, Barcelona, León e Ponferrada.

Así, o Unionistas gañou á SD Logroñés (0-1), FC Barcelona Atlétic (0-2) e Nástic (0-1); empatou coa Real Sociedad B (1-1), CF Fuenlabrada (0-0), Sestao River (0-0), Cultural Leonesa (1-1), SD Ponferradina (1-1), SD Tarazona (0-0) e CD Lugo (1-1); e caeu co Osasuna B (1-0), UE Cornellà (3-0), CD Arenteiro (4-0), Celta Fortuna (2-1) e no citado partido en Sabadell.

En rolda de prensa, Dani Ponz, técnico do conxunto charro, cualificou ABANCA-RIAZOR como "o mellor escenario nesta Primera RFEF e probablemente o mellor cadro. Así o está demostrando desde unha estrutura moi sólida, cun balón parado sensacional. Actualmente e desde hai varios meses o aspirante máis sólido ao ascenso directo que o gañaron con suor".

Recalca que "a calquera que nos guste o fútbol sabemos que estes partidos son os que nos gusta xogar a todos. Ese partido, o de Barcelona, o de Tarragona saes cunha ilusión extraordinaria, con todo a gañar e iso faiche moitísimo máis perigoso como así se demostrou nas dúas saídas anteriores máis difíciles ou máis complicadas da temporada. Temos moitas cousas a gañar, con 42 puntos, unha puntuación moi boa".

Finalizado o encontro, Os Nosos descansarán o luns 8 e adestraranse de novo o martes 9 de abril a partir das 11:00 en Abegondo.