RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor retoma a liga mañá sábado en ABANCA-RIAZOR ante o Real Zaragoza "con moitas esperanzas postas neste momento da competición"

O Dépor retoma LaLiga Hypermotion ao Real Zaragoza mañá sábado 7 de decembro ás 18:30 en ABANCA-RIAZOR (LaLiga TV Hypermotion, M+ e Fútbol 2), en partido correspondente á 18ª xornada.

Co triunfo do pasado sábado en Cádiz por 2-4, Os Nosos suman 20 puntos situados na 15ª posición.

En rolda de prensa esta mesma mañá, Óscar Gilsanz asegurou, pese ao revés da Copa, que o equipo está "ben, con moitas ganas de que chegue o partido. Temos moitas esperanzas postas neste momento da competición de aquí ao final do ano".

De feito, do encontro no Couto o técnico deportivista extrae "moitas lecturas positivas en canto á actitude do grupo, a como se encarou o partido. Loxicamente o resultado non foi o que queriamos pero hai que pasar páxina e pensar no Zaragoza. Nese sentido o equipo está forte, está ben".

Causan baixa para mañá David Mella, sancionado pola súa expulsión no Nuevo Mirandilla; e os lesionados Bouldini e Dani Barcia.

Ten esperanzas Óscar Gilsanz en "poder recuperar a Jose Ángel". O mediocentro andaluz leva varios adestramentos co grupo.

O Dépor realizou esta mañá a última sesión no campo 3 de Abegondo, cun ensaio ao plan de partido e un repaso ás accións a balón parado.

Pola súa banda, o Real Zaragoza que dirixe o ex adestrador deportivista Víctor Fernández é 9º con 25 puntos.

Os maños chegan á Coruña despois de caer por 0-1 na Romareda ante o Albacete Balompié en liga; e quedar eliminados da Copa tamén en casa ante o Granada CF na quenda de penaltis (4-5) co partido e a prórroga finalizado en empate a 2 goles.

Lonxe do seu estadio, o Real Zaragoza esta temporada gañou ao Cádiz CF (0-4), FC Cartagena (1-2), CD Tenerife (2-3) e CD Eldense (2-3); empatou co CD Mirandés (0-0), SD Huesca (1-1) e Córdoba CF (2-2); e perdeu co Burgos CF (1-0) e Sporting de Gijón (1-0).

Víctor Fernández advirte que o Dépor "ten grandes aspiracións. Está a meter en ABANCA-RIAZOR todos os partidos a 26.000 persoas. Coñezo ese ambiente e esa cidade como responde e como está co equipo; e gañar alí reforzaríanos moito máis, daríanos máis tranquilidade, máis serenidade. O triunfo cambia opinións, cambia argumentos, cambia criterios. Cámbiache todo".

Óscar Gilsanz comentou do adestrador zaragocista que "é un grandísimo adestrador, que non vou descubrir. Estivo aquí. Para todos os adestradores da categoría é un referente polo que é e polo que gañou no pasado".

Finalizado o choque, Os Nosos descansan o domingo 8 e luns 9; e adestraranse de novo o martes 10 de decembro ás 11:00 en Abegondo.