RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor retoma a senda do triunfo en Sabadell (0-1)

O Deportivo puxo fin a unha xeira de seis xornadas sen gañar na Nova Creu Alta de Sabadell, onde superou con fartura ao conxunto local nunha primeira metade na que mereceu maior vantaxe e defendeuse con orde e acerto das súas arremetidas no segundo período.

O preparador branquiazul, Imanol Idiakez, realizou un só cambio con respecto ao once que presentou a pasada fin de semana en Ponferrada. Pablo Martínez, sancionado após ser expulsado en El Toralín, deixo o seu sitio no lateral esquerdo a Retu.

A primeira ocasión do encontro deixou o que sería único gol da tarde. Corría o minuto 7 cando Diego Villares saltou á presión ao central Pau Resta, rouboulle o esférico, entrou veloz na área e serviu cara ao centro para Martín Ochoa, que bateu ao ex deportivista Ortolá cun zurdazo desde o punto de penalti que se coou por todo o recanto.

O Dépor controlou durante longos períodos a primeira metade, limitando sempre as chegadas á área do conxunto arlequinado. Só no minuto 26 rematou por primeira vez a porta o equipo catalán, nunha cabezada de Antonio Sánchez nun córner que blocou Mackay con facilidade.

Algo máis clara foi a ocasión no minuto 32, cando Diego Villares sacou de cabeza baixo paus un remate bombeado de Juanmi Carrión após unha saída de puños de Mackay que quedou curta a pés do lateral esquerdo local.

O Dépor respondeu con dúas oportunidades claras para abrir brecha no marcador. Na primeira, no minuto 36, Paris Adot xogou un balón longo que tocou levemente Jose Ángel co peito para lanzar a Martín Ochoa, cuxo remate metendo a punteira para anticiparse aos defensas desviouno Ortolá nunha gran intervención. Pouco despois, no 38, Salva Sevilla estrelou un duro dereitazo no traveseiro, despois de rozar levemente Ortolá, após unha longa e marabillosa acción colectiva que nacera no lateral esquerdo.

A segunda metade foi de neto dominio dun CE Sabadell FC que foi con todo a polo empate desde o inicio, aínda que durante moitos minutos o Dépor defendeuse con acerto e evitou o perigo para a súa portería.

No minuto 48, Baselga disparou á esquerda do portal coruñés após recibir dentro da área un servizo de Juanmi Carrión. Foi a primeira ocasión do tempo complementario e a última en moitísimos minutos, xa que os coruñeses deixaron practicamente todas as súas opcións de ataque en mans dos contragolpes e os laneiros topáronse durante os 51 minutos que durou a segunda metad cunha defensa coruñesa perfectamente plantada.

A mellor oportunidade de toda a segunda parte chegou no minuto 82. Mackay saltou a por un centro case sobre a liña do bordo da área e, aínda que soltou a pelota antes de saír da mesma, o colexiado sinalou man e mostroulle a cartolina amarela. A falta lanzouna Álex Gualda, cuxo durísimo dereitazo rexeitouno de puños o porteiro deportivista.

Nos últimos minutos, xogadores e afección locais trataron de presionar ao trío arbitral constantemente e pediron, sen razón, dúas mans dentro da área. Primeiro, nun remate de Manel Martínez que golpeou no ombreiro de Jaime, que tiña o brazo completamente pegado ao corpo. E despois, nunha deixada de cabeza de Álex Gualda que golpeou no xeonllo dereito de Jose Ángel.

Nos últimos instantes, Lucas dispuxo dun balón longo para liquidar o partido, pero no último momento cruzóuselle Astals. O lateral dereito tocou o balón o suficiente para afastalo dos pés do dianteiro herculino e dar a vantaxe a Ortolá.

Coa vitoria deportivista pola mínima concluíu o partido. É o segundo triunfo do curso, segundo tamén lonxe de ABANCA-RIAZOR, que coloca ao conxunto branquiazul con 11 puntos despois de 9 xornadas. Ademais, é o primeiro partido en que o Dépor deixa a súa porta a cero despois de cinco choques consecutivos encaixando gol.

CE Sabadell FC: Ortolá, Astals, Antonio Sánchez, Pau Resta, Toni Herrero, Juanmi Carrión (Guillem Naranjo, min. 74), Domènech (Carlos Beitia, min. 63), Moyano (Nando, min. 83), Cristian Herrera (Álex Gualda, min. 74), Manel Martínez e Baselga.

RC Deportivo: Mackay, Paris Adot, Jaime, Pablo Vázquez, Retu (Dani Barcia, min. 85), Diego Villares (Pablo Valcarce, min. 85), Jose Ángel, Salva Sevilla, Hugo Rama, Martín Ochoa (Davo, min. 70) e Lucas.

Gol: 0-1 Martín Ochoa (min. 7).

Árbitro: Armando Ramo Andrés (c. aragonés). Cartón amarelo a Pablo Vázquez (min. 32), Retu (min. 58), Jaime (min. 67), Paris Adot (min. 81), Mackay (min. 82) e Pau Resta (min. 89).

Incidencias: partido correspondente á 9ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadi de la Nova Creu Alta ante 6.742 espectadores.