RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor rompe en El Sardinero unha xeira de 9 partidos invictos tras caer "nun dos nosos mellores encontros"

O Dépor, cuns 600 deportivistas nas bancadas, non puido (2-1) esta tarde co Real Racing Club en El Sardinero.

Con este resultado, Os Nosos rompen unha serie de 9 partidos consecutivos sen coñecer a derrota, non caían desde o 16 de febreiro en Elda, e quedan con 50 puntos na zona media da clasificación.

Óscar Gilsanz cre que o seu equipo fixo "un bo partido" e "posiblemente nun dos nosos mellores partidos é no que perdemos".

Causaron baixa no Dépor os lesionados Gauto, Escudero, Dani Barcia, Ximo Navarro e Mella, confirmada a súa lesión muscular no recto femoral da súa perna dereita.

O técnico deportivista introduciu 4 cambios no once respecto ao do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o CD Tenerife.

Obrador ocupou o lateral esquerdo por Tošić; Jose Ángel, após cumprir un partido de sanción, ocupou no mediocentro o lugar de Mfulu; Diego Gómez substituíu ao lesionado Mella; e Barbero ocupou a punta de ataque en lugar de Eddahchouri.

Enfronte un Racing de festa posto que acariña os postos de ascenso directo e, por conseguinte, coa súa afección envorcada cos seus.

Aos 9 minutos o colexiado do encontro, o andaluz Orellana Cid, a instancias do VAR deu validez a un polémico gol de Castro após un saque de esquina. Helton Leite foi obstaculizado claramente por un rival na área pequena e non puido despexar ben un balón que rebotou en Castro e coouse na rede.

"Ese gol tan cedo condicionou a atmosfera na que se xogou o partido", afirmou o técnico branquiazul.

Ao cuarto de hora probou fortuna Vicente desde fóra da área deportivista, desviado.

Apertou o Racing en busca do segundo aínda que aos poucos o Dépor conseguiu equilibrar o encontro.

"Custoulle uns minutos ao equipo recuperarse, establecerse, estabilizarse pero a partir do minuto 20, 25 pasou a controlar as situacións con balón, as vixilancias para que as contras do Racing non tivesen moito perigo", engadiu.

O colexiado invalidou, por fóra de xogo, unha acción de ataque deportivista após un saque de esquina que acabou cun disparo de Villares alto na frontal da área pequena. Corría o minuto 37.

Pouco despois, a defensa cántabra taponou un remate franco de Barbero noutra boa transición deportivista lanzada por Diego Gómez e Villares.

Aos 42 minutos, Yeremay xuta raso lixeiramente desviado do poste esquerda da meta de Ezkieta.

Pero no tempo de desconto da primeira metade, o Racing pegou outra poutada ao marcar o seu segundo tanto após un pase en profundidade a Karrikaburu, que definiu perfectamente ante a saída de Helton Leite.

"Perdemos unha saída por dentro e fan o 2-0 ao límite do descanso que non era o que se viu na primeira parte", apuntou Óscar Gilsanz.

Ao descanso chegouse cunha última volea de Jose Ángel que se marchou fóra.

Após o paso polos vestiarios, "si estivemos mellor. Sobre todo a personalidade, a actitude do equipo fixo que o Racing dese un paso atrás", indicou o técnico branquiazul.

No minuto 54, Yeremay xutou alto após unha boa xogada de ataque deportivista.

Un minuto máis tarde, Barbero cabeceou fóra un centro co exterior de Yeremay.

Á hora de partido, Jose Ángel lanzou ás mans de Ezkieta unha falta clara a Yeremay que incomprensiblemente non supuxo cartón amarelo ao racinguista Mantilla, que placó ao deportivista case ao bordo da área.

Óscar Gilsanz move o banco. Hugo Rama e Cristian Herrera relevan a Diego Gómez e Jose Ángel.

Co Dépor dono do partido, Barbero disparou na área e o balón márchase fóra por pouco após tocar nun defensa.

O árbitro anulou un tanto a Yeremay no minuto 78 por fóra de xogo de Eddahchouri, autor do pase ao canario. O holandés relevara minutos antes a Barbero.

Pouco despois, Ezkieta salvou un man a man ante Eddahchouri aínda que a xogada estaba invalidada por fóra de xogo.

Rozaba o Dépor o gol e logrouno con Denis Genreau, que entrou ao campo por Petxarroman. Recibe en profundidade e bate a Ezkieta a media altura.

Yeremay tívoa ao minuto seguinte. Recibiu na área pero non precisou o seu remate.

Os últimos minutos foron de acoso total pero sen premio á portería do Racing, aínda que o Dépor quedou con 10 por expulsión de Genreau, que se viu obrigado a agarrar a un atacante racinguista que se plantaba só ante Helton Leite.

Óscar Gilsanz lamentouse de que "nos faltou un pouco de tranquilidade porque despois do 2-1 calquera balón parado, un córner, unha falta sempre é susceptible de que o rival se inquiete un pouco máis. Estamos a 1 gol e podía pasar calquera cousa pero precipitámonos sacando rápido, no córner 2 veces, e nesa falta que non lle queda máis remedio a Denis e que conleva a súa expulsión", concluíu.

Real Racing Club: Jokin Ezkieta, Mantilla, Castro, Vicente (Sangalli, min. 71), Andrés, Maguette, Michelin (Saúl, min. 87), Karrikaburu (Ekain, min. 71), Vencedor, Rodríguez (Rober, min. 57) e Mario García (Meseguer, min. 87)

Deportivo: Helton Leite, Petxarroman (Genreau, min. 82), Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Obrador, Jose Ángel (Hugo Rama, min. 63), Villares, Diego Gómez (Cristian Herrera, min. 63), Yeremay, Mario Soriano (Bouldini, min. 82) e Barbero (Eddahchouri, min. 70)

Árbitro: Orellana Cid, do comité andaluz. Amoestou a Diego Gómez (min. 40), Maguette (min. 45+3), Mfulu (min. 68), Pablo Martínez (min. 72) e Pablo Vázquez (min. 89). Expulsou con vermella directa a Genreau (min. 90+4)

Goles: 1-0 Castro (min. 11); 2-0 Karrikaburu (min. 45+1); 2-1 Genreau (min. 85)

Incidencias: partido correspondente á 37ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en El Sardinero ante 22.187 espectadores. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento do Papa Francisco.