RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor suma en Tenerife un punto que "sempre que sofres como nós na segunda parte hai que facer bo o próximo día"

O Dépor empatou esta noite co CD Tenerife no Heliodoro Rodríguez López en encontro correspondente á 19ª xornada aprazada o pasado 15 de decembro polo temporal que azoutou a illa aquel día.

A pesar de ser un partido entre semana, uns 300 deportivistas animaron ao equipo na bancada.

Con este resultado, Os Nosos suman 29 puntos, situados a 16ª posición na táboa de LaLiga Hypermotion.

Óscar Gilsanz, na rolda de prensa pospartido, subliñou que "nunca se dá por bo un empate pero sempre que tes dificultades e sofres como nós na segunda parte e sumas un punto temos que facelo bo o próximo día".

O Dépor regresou a Santa Cruz de Tenerife sen Eric Puerto, cedido ao Marbella FC até final de temporada; e coa volta do canteirán Diego Gómez, que a primeira parte da temporada xogouna cedido no CD Arenteiro de Primera Federación.

Pola súa banda, o CD Tenerife ten adestrador novo desde o mes de decembro. Álvaro Cervera relevou a Pepe Mel.

Respecto ao partido do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR, Óscar Gilsanz introduciu 3 cambios no once: Villares por Mfulu, Bouldini por Barbero e Petxarroman por Obrador, aínda que o donostiarra ocupou a banda destra e Ximo, a zurda.

Ante os medios, o adestrador branquiazul desvelou que Obrador tivo algunha molestia muscular "e non estaba ao 100%".

O primeiro remate do partido foi branquiazul, hoxe de amarelo. Pablo Vázquez conduce desde o seu propio campo e cede a Mella quen coloca o balón axustado ao pau dereito da meta de Edgar Badía. Corría o minuto 5.

Dous minutos máis tarde, Pablo Vázquez cabecea un saque de esquina e obriga á meta tinerfeño a facer unha gran parada.

A xogada seguiu e acabou no outra área aínda que o colexiado andaluz Guzmán Mansilla, a instancias do VAR, pitou penalti porque o balón na cabezada do central deportivista foi freado pola man dun defensor.

Yeremay estrela o penalti no traveseiro con Edgar Badía xa no chan, o que espoleó á bancada do Heliodoro Rodríguez López.

A primeira do CD Tenerife foi unha cabezada de Diarra ao segundo pau nun saque de esquina que se marcha lixeiramente alto. Corría o minuto 24.

Ao descanso chegouse sen un dono claro no xogo e sen chegadas no tramo final da primeira parte.

"Empezamos nós mellor. A través da posesión fomos capaces de controlar o partido. Tivemos ese penalti e estivemos máis cómodos. É certo que a partir do minuto 30 o CD Tenerife estivo un pouco mellor pero en liñas xerais faltounos un pouco de profundidade, de facer máis dano cando chegamos a partir de tres cuartos", resumiu o preparador deportivista.

Após o paso polos vestiarios Bouldini tivo nas súas botas o gol nunha contra lanzada por Mella e Mario Soriano. En última instancia a zaga tinerfeña evitou o remate do ariete deportivista.

No outro área, Ángel remata a pase de Diarra pero o balón atópase con Pablo Vázquez e acaba en saque de esquina.

Óscar Gilsanz empeza a mover o seu banco motivado, tal e como apuntou, polos cartóns amarelos de Petxarroman e de Bouldini. Entraron Mfulu, co que Villares pasou ao lateral dereito; e Barbero.

Precisamente Villares non pode con Edgar Badía nun man a man após unha boa transición deportivista levada por Yeremay. Corría o minuto 60.

Os tinerfeños, necesitados de puntos, lanzáronse á área do Dépor.

León tópase con Helton Leite no seu remate. 

Álvaro Cervera opta por cambiar en punta o dinamismo de Ángel pola fortaleza de Enric Gallego e afrontar a recta final.

"Cos cambios o CD Tenerife dominaba o xogo directo e obrigábanos a defender preto da nosa portería. Emparellábanos en sáquelos a pares e obrigábanos de inicio a xogar cos nosos xogadores adiantados para tentar gañar ese balón. Neses duelos non fomos gañadores e vímonos defendendo moitos minutos da segunda parte", explicou Óscar Gilsanz.

Helton Leite salva co corpo un remate de Enric Gallego na área pequena a falta dun cuarto de hora para o final.

O Dépor refresca as bandas coa entrada de Gauto "para seguir ameazando o seu espazo, Mfulu tivo un problema no isquio e entrou Jaime porque Álvaro Cervera colocou a Diarra saíndo desde a esquerda e aí con centros de Luismi estaban a facernos dano".

O porteiro brasileiro, no 80, atalla sobre a liña de gol un remate de Diarra.

O gol estaba máis preto da área do Dépor aínda que Gauto tívoa nos últimos minutos para gañar 3 puntos que ao final quedaron en 1 punto máis na marcadora.

O técnico deportivista recalcou que "pola situación que está o CD Tenerife deu un paso aínda máis adiante nos últimos minutos. Necesitaba eses 3 puntos".

CD Tenerife: Edgar Badía, David Rodríguez, León, Sergio González, Fabio, Diarra, Ángel (Enric Gallego, min. 64), Luismi Cruz, Aitor Sanz (Bodiger, min. 72), Waldo (Maikel Mesa, min. 64) e Mellot (César, min. 73)

Deportivo: Helton Leite, Pablo Martínez, Petxarroman (Mfulu, min. 54 e Jaime min. 86), Villares, Yeremay (Diego Gómez, min. 86), Pablo Vázquez, Mella (Gauto, min. 75), Jose Ángel, Mario Soriano, Ximo Navarro e Bouldini (Barbero, min. 54)

Árbitro: José Luis Guzmán Mansilla, do comité andaluz. Amoestou a Bouldini (min. 26), Petxarroman (min. 39) e Maikel Mesa (min. 66)

Incidencias: Gardouse un minuto en memoria do ex xogador tinerfeño José Antonio Álvarez Benítez. Asistiron ao encontro 11.322 afeccionados.