O Dépor empatou (1-1) coa UD Almería en ABANCA-RIAZOR este sábado 4 de outubro en partido correspondente á 8ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Fronte a fronte víanse os branquiazuis, que non encaixaran ningún gol en ABANCA-RIAZOR, cos andaluces, que marcaran en todos os seus partidos.
Antonio Hidalgo cre que "por volume, por situacións e por dominio seguramente merecemos algo máis. Pero isto vai de meter goles. Eles meteron un, nós outro a un gran equipo, que nos puxo en apertos. Viuse un bo partido coa sensación de que nas situacións de gol non estivemos do todo acertados", resumiu Antonio Hidalgo.
Con este resultado, Os Nosos suman 16 puntos no grupo de cabeza de LaLiga Hypermotion.
Foron baixa no Dépor Gragera, na etapa final da súa recuperación; Escudero, con molestias nun isquiotibial; e Daniel Bachmann, que "onte no adestramento tivo unha acción dun contra un con Zaka e tivo un xiro nun xeonllo. Sentiu molestias. Imos ver que tipo de molestias son", explicou o adestrador do Dépor na sala de prensa.
Con David Mella no Mundial sub-20, Mane foi o representante de #ANOSACANTEIRA.
O partido arrincou con moito ritmo.
Aos 18 minutos, Mulattieri tenta regatear a Andrés Fernández, que tapa perfectamente o remate do deportivista, algo escorado.
Respondeu Nico nunha cabalgada pola esquerda. Germán despexa a saque de esquina o disparo do almeriense.
No córner, Bonini adianta á UD Almería ao rematar de cabeza na área pequena.
Villares tivo o empate nas súas botas aos 32 minutos. Soriano entra na área por banda esquerda e Villares, ao bordo da área pequena, xuta alto.
A última da primeira parte foi para Luismi. Ingresa na área e o seu disparo, raso, toca nun defensor e o balón márchase a saque de esquina.
Con 0-1 chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Mulattieri puido igualar no minuto 49. Recibiu no corazón da área de Ximo Navarro pero rematou alto, en posición forzada.
Hidalgo moveu pezas. Eddahchouri relevou a Patiño e o Dépor pasou a xogar con 2 puntas.
Ximo Navarro, no segundo pau, remata demasiado alto após controlar un centro desde a esquerda.
Apertaba o Dépor. Luismi, a centro de Quagliata, xuta tamén por encima do traveseiro.
Empatou Yeremay cun gran gol. Recolle o balón na esquerda, métese cara a dentro e coloca o balón no recanto esquerdo de Andrés Fernández.
O técnico deportivista lembra que "é un gol que nos deu un punto. Un gol de talento, de calidade. Sabemos das posibilidades de Yere. Estou moi contento polo seu partido e polo do meu equipo".
Acto seguido chegou a mala noticia en forma de lesión de Ximo Navarro, que era un puñal por banda dereita. Con molestias nos isquios, foi relevado por Lucas Noubi. "Non sei exactamente o que vai ter pero ten pinta de que vai estar unhas semanas fóra. Esperemos que sexan as menos posibles", apuntou o técnico deportivista.
Esa acción freou o arreón do Dépor, circunstancia que aproveitou o UD Almería para sacudirse o dominio.
Aos 78 minutos, o porteiro almeriense Andrés Fernández saca un gran disparo de Stoichkov desde fóra da área.
Foi practicamente a última dun partido que acabou cunha boa noticia para Os Nosos, o regreso de Jose Ángel. "Levaba moito tempo fóra. Cando vas cumprindo certa idade e estás tanto tempo fóra costa. Fixo un gran traballo por estar. Sabiamos que podía estar para 5 ou 10 minutos. Fixo un gran traballo. Estou contento por el e temos un efectivo máis", concluíu Antonio Hidalgo.
Deportivo: Germán, Ximo Navarro (Lucas Noubi, min. 64), Loureiro, Dani Barcia, Quagliata, Patiño (Eddahchouri, min. 54), Villares (Jose Ángel, min. 89), Soriano, Yeremay, Luismi Cruz (Cristian Herrera, min. 89) e Mulattieri (Stoichkov, min. 64)
UD Almería: Andrés Fernández, Arnau (Lúa, min. 58), Álex Muñoz, Nelson Monte, André Horta (Baba, min. 65), Nico Melamed (Perovic, min. 88), Arribas, Baptistao (Soko, min. 58), Bonini, Chirino e Stefan Dzodic (Gui, min. 65)
Árbitro: Jon Ander González, do comité vasco. Amoestou a Luismi (min. 17), Antonio Hidalgo (min. 25), Ximo Navarro (min. 43), Dzodic (min. 54), Villares (min. 65) e Baba (min. 70)
Goles: 0-1 Bonini (min. 22); 1-1 Yeremay (min. 62)
Incidencias: Nos prolegómenos, Eddahchouri recolleu o premio ao mellor xogador do mes de setembro de LaLiga Hypermotion; e Lucas Yáñez, campión de Europa de patinaxe artística, fixo o saque de honra. 23.814 espectadores seguiron o encontro nas bancadas de ABANCA-RIAZOR
