O Dépor comezou este sábado 28 cun empate (1-1) no Estadio de El Molinón - Enrique Castro 'Quini' ante o Sporting de Gijón unha semana de 3 partidos, co do Córdoba CF o martes 31 e o Málaga CF o sábado 4 de abril, ambos en ABANCA-RIAZOR.
Este resultado deixa a Os Nosos con 56 puntos na 2ª posición de LaLiga Hypermotion á espera do que faga a UD Almería (3º con 55) este domingo 29 de marzo ante a Real Sociedad B.
Antonio Hidalgo márchase "coa sensación de poder sacar 3 puntos nun campo complicado" e "despois de dominar o partido en liñas xerais".
Foron baixa para o encontro Mella, lesionado; Stoichkov, sancionado por acumulación de 5 cartóns amarelos; e Lucas Noubi, que este venres 27 foi titular coa selección belga sub-21. O central, liberado pola Federación Belga, incorpórase este domingo á disciplina branquiazul.
Bil, titular de novo, e Samu foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Respecto ao encontro da pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o Real Zaragoza, Antonio Hidalgo supliu a ausencia de Stoichkov coa presenza de Riki e a de Noubi con Dani Barcia.
Ademais, Escudero substituíu a Quagliata no carril zurdo. "Está a chegar un momento da temporada que todo o mundo ten unhas pequenas molestias. Temos que elixir xogadores por momentos e sobre todo nesta semana tan especial. Giaco viña cunha alta carga de minutos, cunha molestia no cuádriceps que tiñamos que ir coidando", apuntou o adestrador deportivista.
Pola súa banda, o Sporting de Gijón dos ex deportivistas Borja Jiménez e Pablo Vázquez chegaba ao choque en 9ª posición con 45 puntos.
O Dépor apropiouse do balón nos primeiros minutos, con achegamentos sobre todo con Altimira en banda dereita.
"Empezamos os 15 primeiros minutos moi ben. É certo que nos faltou algo de presenza, algo de ameaza", afirmou o preparador deportivista na rolda de prensa pospartido.
A primeira clara foi para Pablo Vázquez, que cabeceou un saque de esquina e só Ferllo evitou o tanto nunha gran parada.
Foi o preámbulo do primeiro gol do partido. Nunha falta ao bordo da área, Otero bate a portería deportivista de forte disparo axustado ao pau esquerdo. Corría o minuto 17.
Apertou o Dépor para lograr o igualada pero "despois do gol estivemos algo desaxustados sobre todo na presión, e non estabamos tan cómodos".
Á media hora, Villares gaña a liña de fondo e o seu pase atrás non o logra rematar Luismi Cruz á rede, obstaculizado polo seu defensor.
No desconto, Pablo Vázquez evita o empate ao despexar unha cabezada de Barcia no segundo pau, co porteiro Yáñez batido.
Con 1-0 chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Hidalgo relevou a Villares por Mulattieri. O adestrador do Dépor desvelou que o centrocampista lucense tiña "algún problema no ombreiro. Imos ver o alcance".
Con este cambio, Mario Soriano atrasou a súa posición e o Dépor pasou a xogar con 2 puntas.
"Reaxustamos na segunda parte a maneira de presionar situando a 2 dianteiros. Aí estivemos máis cómodos, con moita máis presenza", explicou Antonio Hidalgo.
No minuto 47, Yáñez evita o empate ao sacar abaixo un remate cruzado de Bil.
Aos 58 minutos, Ximo gaña a liña de fondo na área e cae ao chan ante o agarrón dun rival. O árbitro nin o consultou ao VAR.
Hidalgo dá entrada a Yeremay e Quagliata por Escudero e Ximo Navarro.
Aos 65 minutos, o canario, con todo a favor, cabecea lixeiramente alto un centro de Quagliata.
O Sporting trataba de aproveitar unha contra para matar o partido, apoiado fundamentalmente na potencia de Otero.
O técnico branquiazul manifestou que "o equipo tivo o control, todas as situacións de gol".
Empatou o Dépor no minuto 81 nunha cabezada de Dani Barcia, que tamén marcara na primeira volta o gol do triunfo deportivista.
E seguiron empuxando Os Nosos. Pablo Vázquez está a piques de meter en propia meta un despexe após un centro desde a esquerda. Salvou Yáñez nunha gran parada.
"Non puidemos conseguir ese segundo que nos dese a vitoria pero contento polo esforzo nun campo moi díficil ante un rival que en casa se fai forte".
Sporting de Gijón: Yáñez, Rosas, Diego, Gaspar (Pablo García, min. 68), Gelabert, Oliván, Alexandre, Pablo Vázquez, Dubasin (Justin, min. 79), Otero e Manu Rodríguez (Curbelo, min. 90+2)
Deportivo: Ferllo, Ximo Navarro, Arnau, Dani Barcia, Escudero, Villares (Mulattieri, min. 46), Riki (Patiño, min. 78), Alti, Luismi Cruz, Mario Soriano e Bil (Eddahchouri, min. 78)
Árbitro: Rafael Sánchez, do comité murciano. Amoestou a Oliván (min. 9), Dani Barcia (min. 16), Luismi Cruz (min. 43) e Arnau Comas (min. 70)
Goles: 1-0 Otero (min. 17); 1-1 Dani Barcia (min. 81)
Incidencias: partido disputado no Estadio de El Molinón Enrique Castro 'Quini' coa presenza de máis de mil afeccionados deportivistas nas bancadas. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Miguel Fanjul, socio número 1 do Sporting falecido recentemente
