O Dépor pechou a visita aos 3 descendidos a pasada temporada de LaLiga EA Sports, e por conseguinte a 3 dos claros aspirantes ao ascenso, esta tarde no Nuevo Mirandilla cun espectacular triunfo ante o Cádiz CF e ante os elementos (2-4) baixo a batuta de Lucas Pérez, autor dun 'hat trick' ante a que foi a súa afección hai 2 temporada.
O denominador común a todos estes encontros é que tanto os gaditanos como a UD Almería e o Granada CF transitan de momento por posicións afastadas á zona nobre, o que dá boa conta da igualdade da competición.
Con este resultado, Os Nosos suman 20 puntos, situados na 15ª posición.
Coas baixas por lesión de Jose Ángel, Bouldini e Dani Barcia; a novidade foi o regreso de Yeremay após superar as súas molestias no xeonllo e o de Escudero no lateral zurdo por Obrador.
Mfulu e Mario Soriano foron os medioscentros, con Barbero na punta de ataque.
Os primeiros minutos foron de tenteo, quizais con algo máis de presenza en ataque do Cádiz CF, aínda que sen facer sufrir a Helton Leite.
A primeira intervención da meta brasileiro foi a un duro disparo raso do ex deportivista Carlos Fernández aos 16 minutos.
Fóronse entoando os andaluces, que volveron pór en aprietos a Helton Leite aos 24 minutos cun remate de Brian.
Alejo era un puñal por banda dereita e os seus centros sementaban a inquietude deportivista.
"Estivo acertado na presión e non atopamos claridade na saída", apuntou en rolda de prensa Óscar Gilsanz, quen no entanto felicitou ao seu equipo na sala de prensa porque "nos momentos en que o Cádiz CF apertounos estivemos firmes, concedendo moi poucas ocasións de gol e á contra tivemos opcións".
Con todo o Dépor conseguiu apropiarse do balón e, con posesións longas, logrou afastar por momentos ao Cádiz CF da portería.
Nunha longa xogada, Mella, en colaboración con Kovacevic, adiantou aos deportivistas. O canteirán métese na área, cambiado á banda zurda, e o seu centro méteo o futbolista cadista en propia meta.
Pouco despois, Yeremay aprópiase dun balón na área amarilla e, algo escorado, o seu remate estrélase no pau esquerdo da meta de David Gil.
Non obstante o Cádiz CF exhibe a súa pegada propia dun equipo recentemente descendido de Primera División. Aos 39 minutos, Iván Alejo mete un centro medido á área para que Álex Fernández entrando desde atrás cabecee á rede. Imparable para Helton Leite.
A última da primeira metade, no último minuto do desconto, foi para Yeremay. Roubou o balón á defensa amarela, marchouse por velocidade pero o seu chute márchase fóra por pouco.
Após o paso polos vestiarios, Ximo tivo a primeira da segunda parte. Rematou en volea un centro ao segundo pau de Lucas.
O Dépor deu un envorco ao partido e cimentou o seu triunfo cunha soberbia segunda metade. "Estivemos moito mellor con balón, axustamos dous ou tres cosas na saída e a posición de Mario Soriano e de Mfulu e estivemos moito mellor", resumiu o adestrador branquiazul.
Yeremay e Mella dispuxeron de ocasións para marcar. A do canario tapouna a meta David Gil co seu corpo e a do coruñés foise demasiado alta.
Os de Óscar Gilsanz, que gozaban coa pelota, volvéronse a adiantar con toda xustiza no marcador cunha gran xogada na que interviñeron varios futbolistas e que resolveu Lucas maxistralmente. O capitán deportivista, ex xogador do Cádiz CF, pediu perdón á bancada, que respondeu con aplausos.
Cos andaluces tocados, Lax Franco sinalou como penalti un presunto derrubo de Helton Leite a Kovacevic que transformou Álex Fernández. Corría o minuto 65. O colexiado, aínda coas protestas deportivistas, optou por non ver a xogada no VAR.
A pesar do mazazo non se botou atrás o Dépor, que puido lograr o terceiro nunha gran xogada entre Lucas e Yeremay que salva de novo David Gil. Mfulu acaba a xogada disparando alto.
Pouco despois, Lax Franco sinala un penalti a favor do Dépor por agarrón a Pablo Vázquez nun saque de esquina que anulou posteriormente após pasar polo VAR cando Lucas xa o ía a lanzar. Esta vez si houbo revisión, ao revés que na acción de Helton Leite.
Aínda por riba, Mella ve unha rigorosa amarela, a súa segunda no partido, por unha falta a Matos cando o defensor tentaba despexar a pelota.
Pero era a tarde de Lucas Pérez. O capitán deportivista facía o 3º do Dépor, 2º na súa conta particular, no minuto 81 que volvía adiantar aos seus: centro ao segundo pau de Escudero, deixada de Barbero ao coruñés que na frontal da área pequena coloca o balón lonxe do alcance de David Gil.
Pouco despois, e co Nuevo Mirandilla posto en pé, lograba o 4º e sentenciaba o choque cun disparo de falta polo recanto desde 40 metros.
Os últimos minutos transcorreron plácidos para un Dépor que, a pesar de estar en inferioridade numérica, foi moi superior ao seu rival.
Cádiz CF: David Gil, Chust, San Emeterio, Sobrino (Rubén Alcaraz, min. 66 e Cristian Glauder, min. 77), Álex Fernández (Melendo, min. 66), Roger (Chris Ramos, min. 66), Brian, Iván Alejo (De la Rosa, min. 77), Kovacevic, Matos e Carlos Fernández
Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Escudero (Obrador, min. 82), Mfulu (Villares, min. 77), Mario Soriano (Jaime, min. 82), Mella, Lucas, Yeremay (Petxarroman, min. 88) e Barbero (Davo, min. 82)
Árbitro: Salvador Lax Franco, do comité murciano. Amoestou a Mella (min. 3 e min. 78), Víctor Chust (min. 52), Sobrino (min. 57), Helton Leite (min. 63), Álex Fernández (min. 65), Alcaraz (min. 72), Cristian Glauder (min. 82) e Lucas Pérez (min. 90)
Goles: 0-1 Kovacevic en propia meta (min. 37); 1-1 Álex Fernández (min. 39); 1-2 Lucas (min. 56); 2-2 Álex Fernández (min. 65); 2-3, Lucas Pérez (min. 81); 2-4 Lucas Pérez (min. 84)
Incidencias: partido correspondente á 17ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado no Nuevo Mirandilla ao que asistiron medio milleiro de afeccionados branquiazuis