RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor, xa con Miguel Loureiro, en camiño á última cita en Inglaterra deste sábado en Middlesbrough

O Dépor, xa con Miguel Loureiro no grupo, ultima o amigable deste sábado 2 de agosto ante o Middlesbrough FC da Segunda División inglesa.

O choque arrincará ás 16:00 (hora galega, 15:00 hora local) no Riverside Stadium e será retransmitido en directo pola canle oficial de YouTube do RC Deportivo.

Con esta cita concluirá a concentración do Dépor en Inglaterra posto que este domingo 3 de agosto, Os Nosos emprenderán viaxe de regreso á Coruña.

Aínda en Londres, Antonio Hidalgo dirixiu unha última sesión de traballo en The Lensbury, cuartel xeral deportivista en Londres.

Neste adestramento xa participou con total normalidade Miguel Loureiro, que se converteu no sexto reforzo do equipo e terceiro que chega a Inglaterra após Quagliata e Gragera.

O corpo técnico dispuxo unha activación dirixida polos preparadores físicos Roberto Cabellud e Sergio Roca; e un exercicio de preparación de partido.

Esta tarde, a expedición branquiazul desprazarase á norteña localidade de Middlesbrough.

Precisamente o Middlesbrough FC é outro dos clásicos do fútbol inglés que transita nesta etapa da súa historia pola Championship. A temporada pasada acabou en 10ª posición da táboa con 64 puntos.

O equipo coñecido como 'Boro' chega ao encontro ante o Dépor após empatar (1-1) nun amigable ante o Hartle Pool United FC.

Anteriormente tamén igualou (2-2) co Rangers FC escocés e o Mansfield Town FC (3-3) da Tercera División inglesa; e caeu (2-0) co Bradford City AC tamén de Tercera.

Finalizado o encontro, o Deportivo viaxa de regreso á Coruña este domingo 3 de agosto e adestrarase de novo en Abegondo o martes 5 ás 10:30.