RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril arrinca a liga cun contundente triunfo ante o Burgos CF Promesas nun partido no que "todo saíu ben"

O Fabril iniciou a liga en Segunda Federación este domingo 7 de setembro cun claro triunfo por 3-0 ante o Burgos CF Promesas.

"Todo saíu ben", declarou Manuel Pablo na sala de prensa.

No filial, coa fichaxe de Pablo Cortés procedente do Real Zaragoza, o peche de mercado deixou as cesións de Carreira ao Atlético Coruña Montañeros CF; e de Hugo Villaverde e Pablo Parada á SD Sarriana de Segunda Federación.

Para o choque foi baixa Manu Ferreiro, que segue co seu proceso de recuperación.

O técnico do filial si puido contar con Samu, Mane e Kike Fernández que este sábado estiveron convocados polo primeiro equipo para o seu partido ante o Sporting de Gijón en ABANCA-RIAZOR. Os tres foron titulares.

"Agora polo menos hai a oportunidade de estar co primeiro equipo adestrando moitos. Non sempre saen xogadores como Yeremay ou Mella; pero está Rubén López, Samu fixo unha temporada moi boa co primeiro equipo. O que lles esiximos é que estean preparados", subliñou o adestrador do Fabril na súa comparecencia ante os medios. 

Comezou o encontro cun Fabril dominador e un rival, novato na categoría, encerrado no seu campo.

A primeira oportunidade foi, aos 11 minutos, un lanzamento de Noé axustado ao pau que acabou en saque de esquina.

Respondeu o conxunto burgalés cun remate de Irian nunha contra á que respondeu con acerto Ríos.

O filial golpeou aos 17 minutos. Bil fíxose cun balón solto na área burgalesa e fusilou a Marc Monedero. 

O tanto espoleou ao Burgos CF Promesas, que se foi achegando con perigo á portería fabrilista.

De novo Hugo Ríos salva un man a man ante Luca Ricoy. O atacante castelán foise por velocidade da defensa do Fabril no minuto 26.

"Nos primeiros 20, 25 minutos sufrimos algunha situación clara que salvou ben Hugo Ríos", admitiu o preparador do filial branquiazul.

No outro área, Bil proba desde fóra da área e saca Monedero a córner. Após o saque de esquina, que sacou en curto Fabi con Kike, o balón acaba no segundo pau para que Bil de novo marque o 2-0. Corría o minuto 36.

Fabi estivo a piques de facer o terceiro nunha xogada persoal desde a banda esquerda. O balón pasouse case pola raia de gol despois do seu centro-chute.

Co Fabril en pleno arreón, Bil non acerta no minuto 38 coa portería nun fallo defensivo do Burgos CF Promesas.

Puido recortar diferenzas o equipo visitante nunha cabezada de Luca Ricoy, a centro de Rastrilla, que non colleu portería. 

"Metemos moito ritmo, fomos atopando aos poucos as situacións. Eles baixaron a nivel físico e apareceron máis espazos para facer algún gol máis", resumiu Manuel Pablo.

Así se chegou ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, Íker Vidal primeiro (minuto 48) e Mane despois (min. 52) puideron aumentar a súa renda. Os seus disparos fóronse desviados lixeiramente da portería de Monedero.

Manuel Pablo mantivo a presión alta, segundo el un aceno de identidade do equipo, que dificultaba a saída de balón do Burgos CF Promesas.

Nun deses fallos, Nájera xutou fóra por pouco libre de marca ante o porteiro burgalés.

Co Fabril dominador, Manuel Pablo comeza a mover o banco. Dipanda substitúe a Mane no carril dereito do ataque do filial.

O equipo de Manuel Pablo sentenciou o partido aos 71 minutos. Nájera cabecea á rede en ferro unha longa xogada de ataque branquiazul que comezou nun córner en banda esquerda e acabou nun centro de Dipanda desde banda dereita.

Seguiu apertando o filial coa entrada de xogadores de refresco como Garrido, Domínguez ou Rubén Fernández.

Así, aos 77 minutos, Kike ingresa na área e o seu remate vaise desviado polo porteiro Monedero a saque de esquina.

Na recta final, Rubén Fernández non chega por moi pouco en boca de gol a un centro raso desde a banda dereita. 

O filial viviu un plácido final de partido cos 3 primeiros puntos xa no peto.

A próxima xornada, o domingo 14 de setembro ás 17:00, a Fabril visita ao Coruxo FC en O Vao.

Fabril: Ríos, Quique Teijo, Damián, Noé (Garrido, min. 70), Nájera, Bil (Rubén Fernández, min. 70), Kike (Dani Estévez, min. 85), Fabián (Domínguez, min. 70), Mane (Dipanda, min. 57), Íker Vidal e Samu

Burgos CF Promesas: Marc Monedero, Rastrilla, Hugo Pascual, Luca Ricoy, Irian (Salva, min. 73), Ethan (Lasme, min. 62), Georges, Iván Martínez, Luka Lecic, Oussama (Daniel Ruiz, min. 73) e Jan (Sergio Romeu, min. 62)

Árbitro: Carlos Fernández, do comité asturiano. Amoestou a Lasme (min. 80)

Goles: 1-0 Bil (min. 17); 2-0 Bil (min. 36); 3-0 Nájera (min. 71)

Incidencias: partido da 1ª xornada de Segunda Federación disputado no campo principal de Abegondo