RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril, "coa base do ano pasado", regresa após dous triunfos fóra ao campo Arsenio Iglesias este sábado ante o UP Langreo

Despois de dous partidos consecutivos fóra de casa, en Astillero e Astorga, o Fabril regresa ao campo Arsenio Iglesias este sábado 11 de outubro ás 16:15 (YouTube RC Deportivo) ante o UP Langreo, en partido correspondente á 6ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

Os fabrilistas lideran a clasificación con 15 puntos de 15 posibles. Son, co Oviedo Vetusta, os máximos goleadores (14 goles); e os segundos menos goleados (3 goles), só superados polo Marino de Luanco (2 tantos encaixados).

Manuel Pablo admitiu na sala de prensa que "non me imaxinaba estes resultados"; e recalca que "a idea de xogo tentámola impor o ano pasado e en moitos momentos conseguímolo. É a base do ano pasado, e con esas ideas mellorar cada semana".

Ademais, valorou positivamente a achega de futbolistas como Héctor, Vilela...: "Están a adestrar moi ben. Temos un cadro longo e todos os que subiron do Xuvenil A este ano teñen ese período de adaptación. A nivel de adestramentos estamos contentos con eles. A través do día a día esixímoslles que dean un nivel alto para cando decidamos que entren fagan bo papel".

Pola súa banda, o UP Langreo, que a pasada fin de semana empatou no seu campo (2-2) co Rayo Cantabria após recibir un gol de penalti no minuto 93, é 13º con 3 puntos.

Lonxe do seu campo esta temporada, os asturianos caeron co Marino de Luanco (2-0) e empataron co Burgos CF Promesas (1-1).

René, centrocampista do UP Langreo, asegura que están "convencidos de lograr a primeira vitoria", iso si, nun partido que vaticina "moi difícil. O Fabril vai líder, non perdeu aínda pero estamos confiados en que imos sacar algo positivo de alí".

O RC Deportivo mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes do campo Arsenio Iglesias.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado habilitará simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.