RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril, "coa intención seguir competindo igual", visita mañá mércores á SD Compostela en partido aprazado en xaneiro polo temporal

O Fabril disputa mañá mércores 19 de marzo ás 21:00 (TVG-2) no Estadio Vero Boquete de San Lázaro o seu partido da 20ª xornada ante a SD Compostela que foi aprazado o pasado 26 de xaneiro polo temporal.

Os fabrilistas, que venceron o pasado domingo en Guijuelo (0-1), ocupan a 5ª posición na táboa con 40 puntos.

"Tivemos as nosas opcións de sentenciar, non o fixemos e sufrimos até o final", declarou Manuel Pablo ao concluír o encontro no Municipal Luis Ramos.

Despois do último adestramento, esta tarde en Abegondo, son baixa os lesionados Noé e Pablo García; ademais de Marotías e Fabi, sancionados.

O técnico do filial lembra que os resultados nesta Segunda Federación "son todos moi igualados. Agora aos de arriba, que parece que estaban un pouco por encima, está a custarlles gañar. Cada partido é unha pelexa nova, o Compos está a xogarse moito. Hai que seguir competindo igual con esa intención de ir gañar o partido".

Pola súa banda, a SD Compostela, que a pasada fin de semana caeu (2-0) en Vigo ante o Coruxo FC, é 15º con 28 puntos.

No partido da primeira volta disputado en ABANCA-RIAZOR o pasado 14 de setembro (3ª xornada) venceron os fabrilistas (2-0) con goles de Aarón e Kevin.

No seu campo esta temporada o conxunto que dirixe agora o ex técnico fabrilista Luisito gañou ao CD Guijuelo (1-0), Coruxo FC (1-0), UD Llanera (1-0), CD Laredo (2-1) e Marino de Luanco (4-2); empatou co Pontevedra CF (2-2), Real Ávila CF (0-0), CD Numancia de Soria (2-2) e Real Avilés Industrial (1-1); e perdeu co UP Langreo (0-2), UM Escobedo (1-2) e Rayo Cantabria (1-2).

En rolda de prensa, o preparador santiagués confirmou as baixas de Pablo Crespo e de Ocaña; e advirte que "só nos queda gañar estes dous partidos en casa se queremos ter vida porque falta moito, 24 puntos dan para moito".

Do filial deportivista afirma que "está aí porque está a facer as cousas moi ben. Sei perfectamente como é esa casa, que futbolistas hai, como traballan. Son futbolistas de moitísimo nivel, moi escollidos. Nesta remesa hai unha serie de futbolistas moi bos".