RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril encara o partido deste sábado 4 de outubro en Astorga en alerta porque "os rivais, cando ganas moito, queren ser os primeiros en gañarche"

O Fabril encara o seu segundo partido consecutivo lonxe do campo Arsenio Iglesias. Será este sábado 4 de outubro ás 17:30 no campo de La Eragudina ante o Atlético Astorga FC, correspondente á 5ª xornada en Segunda Federación.

O filial, co triunfo da pasada fin de semana ante o Rayo Cantabria por 2-3, lidera a categoría con 12 puntos, os mesmos que o Real Ávila CF.

Manuel Pablo, en rolda de prensa, subliñou que o liderado se xestiona "esixindo no día a día; tentando que non baixen a garda; e esixindo a todos, os que xogan, os que non xogan e os que non van convocados".

Advirte que "os rivais, cando ganas moito, queren ser os primeiros en gañarche. Ninguén che vai a regalar nada. Mesmo a nivel mental e competitivo poden subir as súas prestacións. Temos que estar a un gran nivel se queremos manter esta xeira".

Esta semana, até 3 fabrilistas adestráronse día día co primeiro equipo: Samu, Mane e Noé, que se estreaba co Dépor.

Manuel Pablo valora esta circunstancia en sentido positivo: "Os que están a subir é porque os están vendo, están a ter un bo nivel. O míster quéreos coñecer. Para min é importante que a xente teña un rendemento no adestramento moi bo, o que fai que todos esteamos con ese nivel alto porque a xente está a apertar, incluso os que non están a ir convocados".

Pola súa banda, o Atlético Astorga FC, que a pasada fin de semana venceu por 1-3 ao Real Valladolid Promesas e logrou o seu primeiro triunfo en liga, é 14º con 3 puntos.

No seu campo, os leoneses buscarán tamén a súa primeira vitoria, posto que até a data caeron co Real Ávila CF (1-3) e o Coruxo FC (0-2).

José Luis Lago, técnico do Atlético Astorga FC, admitiu que "viñamos dun ano no que gañabamos case todos os partidos. Estabamos afeitos gañar. E a xente pénsase que isto é cambiar a categoría e directamente conseguir os 3 puntos. Custounos coller ese ritmo, esa confianza á categoría".

Lembra que, empezando xa este sábado polo Fabril, "o calendario métenos 4 filiais seguidos" e recalca que o triunfo en Valladolid "tennos que dar confianza para seguir traballando, para seguir crendo no que estamos a facer".