O Fabril exhibiu a súa pegada e goleou por 0-4 ao Atlético Astorga FC no seu segundo partido consecutivo lonxe do campo Arsenio Iglesias.
Non marcou nesta ocasión Bil, pero si 4 dos seus compañeiros, o que dá unha idea do poder ofensivo do filial deportivista: Fabi, Nájera, Noé e Garrido.
Con este resultado, o conxunto de Manuel Pablo suma 15 puntos de 15 posibles, instalado no primeiro posto da táboa.
O equipo perdeu a Hugo Torres por lesión e a Mane, que quedou co primeiro equipo en ABANCA-RIAZOR.
Por contra, os outros dous futbolistas que se adestraron toda a semana co Dépor, Samu e Noé, foron titulares no campo de La Eragudina.
Empezou ben o Fabril, que se adiantou pronto no marcador. Corría o minuto 23 e Fabi acertou a bater á meta local Martín. Os xogadores maragatos protestaron o tanto ao considerar que o atacante do Fabril, que non perdoou no man a man, estaba en fóra de xogo.
Cunha confianza plena na súa idea de xogo, 3 minutos máis tarde, Nájera, de falta directa executada maxistralmente, puña xa o choque en franca vantaxe para os branquiazuis co 0-2.
Con este resultado chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Noé sentenciou o partido co terceiro tanto no minuto 57 após unha gran xogada de boa parte do equipo; aínda que antes Fabi estrelou un balón no pau da portería local.
O Atlético Astorga FC fixo un triplo cambio buscando un cambio de rumbo do choque pero a superioridade fabrilista foi notoria.
E no outro banco, Manuel Pablo foi dando descanso a algúns dos seus xogadores con máis minutos, caso de Noé ou Samu.
Así pois, ao Fabril bastoulle con ir deixando pasar os minutos e mesmo aumentar a súa renda cun 4º tanto de Garrido.
Foi tal o control do partido que os fabrilistas acabaron o choque sen ningún futbolista amoestado polo colexiado.
A próxima semana, concretamente o sábado 11 ás 16:15 (Youtube RC Deportivo), o Fabril recibe no campo Arsenio Iglesias ao UP Langreo.
Atlético Astorga FC: Martín, Ceinos, Manso, Jony, S. Peláez (Aleixo, min. 46), Canito (Imad, min. 58), Albertín, David A. (Ivi Vales, min. 58), Ayub, Ribeiro (A. Álvarez, min. 46) e Cervero (Mario S., min. 58).
Fabril: Hugo Ríos, Pablo García, Samu (Aarón, min. 63), Damián Canedo (Vilela, min. 81), Íker Vidal, Quique Fernández (Dani Estévez, min. 81), Noé (Garrido, min. 63), Fabi, Nájera, Héctor Areosa (Pablo Cortés, min. 63) e Bil
Árbitro: David Ruiz Martín, do comité cántabro. Amoestou a Canito (min. 28), S. Peláez (min. 32), Ayoub (min. 57) e Jony (min. 67)
Goles: 0-1 Fabi (min. 23); 0-2 Nájera (min. 26); 0-3 Noé (min. 57) e Garrido (min. 78)
Incidencias: partido correspondente á 5ª xornada en Segunda Federación disputado no campo de La Eragudina en Astorga
