O Fabril recibe este sábado 24 de xaneiro ás 17:00 (YouTube RC Deportivo) á UD Sámano en partido correspondente á 20ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.
Co empate en Langreo da pasada fin de semana, os fabrilistas suman 38 puntos na 2ª posición por 39 do líder, o Oviedo Vetusta.
Manuel Pablo asegurou en rolda de prensa que o equipo "está a adestrar a un nivel moi bo, con moita esixencia".
O técnico fabrilista subliña que non nota que os seus xogadores estean a pensar no choque ante o Oviedo Vetusta (líder con 1 punto máis que o Fabril) da seguinte semana. "Estamos moi centrados neste partido, coas condicións que nos podemos atopar de bloque baixo, sen espazos, sen situacións claras en moitos momentos", engade.
Pola súa banda, a UD Sámano, que acaba de incorporar ao porteiro andaluz Pablo Vargas, pecha a táboa con 11 puntos.
Fóra de casa, o conxunto cántabro empatou co CD Lealtad de Villaviciosa (2-2), CD Numancia (0-0) e Burgos CF Promesas (1-1); e caeu ante a Gimnástica Segoviana CF (3-0); Real Ávila CF (3-2), Coruxo FC (4-1), Atlético Astorga FC (3-0), Bergantiños CF (1-0) e Oviedo Vetusta (3-0).
O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes do campo Arsenio Iglesias.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web ticketing.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e o pin. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en ticketing.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade.
O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
