RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril recibe mañá domingo ás 12:00 ao líder Pontevedra CF en ABANCA-RIAZOR, "un escenario bonito para un moi bo partido"

O Fabril regresa mañá domingo 2 de decembro (12:00, YouTube RC Deportivo) a ABANCA-RIAZOR para medirse ao líder do grupo 1º de Segunda Federación, o Pontevedra CF, en partido correspondente á 27ª xornada.

O filial deportivista xa disputou esta temporada un partido no estadio, concretamente o pasado 15 de setembro de 2024 (3ª xornada) ante a SD Compostela (2-0).

"Está claro que nos gusta", admitiu onte Manuel Pablo na sala de prensa de Abegondo. "É algo que hai que gozar e encima o rival é de categoría. Fainos estar contentos, para mostrarnos tamén e aínda que sexa un rival duro tentar facer as cousas ben", engadiu o canario.

O preparador fabrilista asegura estar "agradecidos" á decisión do Club de levar o choque a ABANCA-RIAZOR porque "é un escenario bonito para un moi bo partido".
 
Está seguro que "a medida que se vai achegando o partido os xogadores sentirán ese cosquilleo pero véxoos centrados no traballo".

Non foi fácil a semana para o filial deportivista, que o pasado domingo non xogou o seu partido no Estadio Vero Boquete de San Lázaro ante a SD Compostela a consecuencia do temporal e queda con 27 puntos na 9ª posición da táboa.

Kevin Sánchez e Alberto viaxaron o martes co primeiro equipo a Tenerife mentres que Pablo García, Guerrero e Manu Ferreiro, co Xuvenil Á Lezama.

A maiores, Manuel Pablo confirmou as baixas de Aarón, Luisao e Noé, este operado onte no Hospital Universitario Quironsalud La Luz de Madrid dunha rotura no tendón proximal do bíceps femoral da súa perna esquerda.

Pola súa banda, o Pontevedra CF, un dos equipos de moda de fútbol español pola súa extraordinaria actuación na Copa del Rey, tampouco xogou en Pasarón o seu encontro ante o CD Numancia de Soria o pasado domingo pola climatoloxía.

Os granates mandan na táboa con 43 puntos.

Na primeira volta disputada en Pasarón o pasado 22 de setembro (4ª xornada) venceron (2-1) os pontevedreses. Kevin Sánchez adiantou ao Fabril pero o Pontevedra CF deulle a volta ao marcador co gol do triunfo no minuto 97.

No seu estadio esta liga, o Pontevedra CF gañou tamén ao Real Valladolid Promesas (1-0), Rayo Cantabria (2-1), Bergantiños CF (1-0), Salamanca CF UDS (3-1), RS Gimnástica de Torrelavega (2-1) e SD Compostela (4-1); empatou co Real Avilés Industrial (1-1); e perdeu co Marino de Luanco (0-1).

O equipo pontevedrés acaba de reforzarse neste mercado invernal coa chegada de Miguel Custa do Marino de Luanco e de Brais Abelenda.

Yago Iglesias, técnico do Pontevedra CF, cre que o non xogar a semana pasada o seu partido ante o CD Numancia "veunos ben no sentido de recuperación. Levabamos un trafego de partidos desde hai moitos meses. Soamente tivemos unha semana de vacacións en Nadal. E veunos ben. Aproveitamos para dar un par de días de descanso ao cadro".

Cualificou ao Fabril como "un moi bo rival" e lembrou que "está a facer unha moi boa temporada".

Abertas este domingo desde as 10:00 os despachos de billetes do Palacio dos Deportes

O RC Deportivo mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes de ABANCA-RIAZOR.

Poden retirar entradas, en principio para Tribuna Inferior, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.