RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril recupera o liderado após derrubar a muralla da UD Sámano nun partido "que sabiamos que tiñamos que traballalo moito"

O Fabril impúxose por 1-0 este sábado 24 de xaneiro á UD Sámano en partido correspondente á 20ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación nun partido "que sabiamos que tiñamos que traballalo moito. Ás veces tivemos impaciencia, ás veces non tivemos precisión no último control ou último pase para crear unha oportunidade e custounos". 

Con este resultado, o filial deportivista suma 41 puntos e recupera o liderado da categoría antes de visitar o vindeiro domingo 1 de febreiro ás 16:45 no Requexón ao Oviedo Vetusta, 2º con 39 puntos.

Foron baixa por lesión Íker Vidal, Damián Canedo, Malick, Dipanda e Hugo Torres; ademais de Noé, citado co primeiro equipo.

Por contra, foi titular Bil, que se adestrou boa parte da semana ás ordes de Antonio Hidalgo.

O partido arrincou co guión que xa anticipara Manuel Pablo na sala de prensa na súa comparecencia previa: unha UD Sámano en bloque baixo e un Fabril envorcado en ataque.

Os cántabros optaron por esperar unha contra apoiados na corpulencia de Ander Castillo na punta de ataque.

A primeira opción do partido, aos 20 minutos, foi un remate raso de Nájera após un pase da morte de Bil. Atallou en dous tempos o porteiro cántabro Hodei Oleaga. 

Probou fortuna no 32 Manu Ferreiro, con chute na frontal da área moi alto. 

Aos 42 minutos, a UD Sámano puido adiantarse no marcador case no seu primeiro disparo a porta. Quintela, desde fóra da área, xuta ao poste esquerdo da portería fabrilista despois dunha boa presión do equipo cántabro á saída de balón branquiazul.

No desconto, Bil atopouse co corpo dun defensor despois de controlar ben.

E no outro área, xusto antes do asubío final da primeira metade, Castillo remata raso un balón centrado desde a banda esquerda que atallou Hugo Ríos ben colocado.

"Estaban moi replegados, con poucos espazos. Chegamos por banda dereita con centros, algún control que se nos escapou dentro da área pero non foron ocasións por iso. Custounos. Faltounos mover máis rápido, houbo momentos de impaciencia", resumiu o preparador do filial.

Após o paso polos vestiarios, o partido seguiu coa mesma tónica ata que Bil puxo por diante o Fabril no minuto 50.

O dianteiro deportivista recibiu na área de Quique Teijo por banda dereita e non perdoou ante Hodei Oleaga.

"Cando nos puxemos por diante non soubemos aproveitar xogadas con moita vantaxe. E sufrimos até o final", lamentouse o técnico fabrilista.

A UD Sámano tratou de igualar pero apareceu Hugo Ríos, que salvou un man a man ante Diego Marta.

Respondeu Nájera á xogada seguinte cun disparo lixeiramente desviado.

O partido abriuse e as ocasións comezaron a chegar nunha e outra portería.

Manuel Pablo comeza a refrescar ao equipo coa entrada de Dani Estévez primeiro; e de Garrido e Fabi despois.

De Pablo Cortés foi a seguinte oportunidade pero rematou raso fóra, obstaculizado por un defensor.

O porteiro Hodei Oleaga foi protagonista ao desbaratar case de maneira consecutiva as accións individuais de Fabi e de Pablo Cortés.

"Estivemos tranquilos con balón. Mesmo pausamos demasiado con moitos pases na mesma zona. E tivémolas. Se non culminas esas xogadas o resultado é curto e sempre créanche perigo porque teñen xente corpulenta arriba e cólganche balóns", apuntou Manuel Pablo na rolda de prensa pospartido.

Xa no desconto, o dianteiro visitante Castillo viu a vermella directa por unha entrada a destempo a Samu, co que a UD Sámano viuse obrigado a acabar con 10 futbolistas sobre o campo.

Fabril: Hugo Ríos, Quique Teijo, Vilela, Samu, Mane (Mario Hermo, min. 84), Enrique Fernández (Dani Estévez, min. 64), Manu Ferreiro (Garrido, min. 75), Nájera, Pablo Cortés (Héctor Areosa, min. 84), Domínguez e Bil (Fabi, min. 75)

UDSámano : Hodei Oleaga, Aitor Abad, Julen Quintela (Acarregui, min. 65), Jon López, Xavi (Unai Veiga, min. 65), Diego Marta (Jonas Ibáñez, min. 77), Ander Castillo, Gilete (Lambea, min. 65), Deybi Alexandre, Álex Resines e Izan Coca (Berzosa, min. 85)

Árbitro: Juan Francisco Morato, do comite rioxano. Amoestou a Domínguez (min. 14), Aguirre (min. 25), Enrique Fernández (min. 39), Mane (min. 53) e Jon López (min. 90+6). Expulsou a Ander Castillo (min. 90+1) con vermella directa.

Gol: 1-0 Bil (min. 50)

Incidencias: partido disputado no campo Arsenio Iglesias. Gardouse un minuto de silencio en memoria dos falecidos nos accidentes de tren en Andalucía e Catalunya