O Fabril tamén venceu na súa primeira saída da presente liga no grupo 1º de Segunda Federación ao derrotar este domingo 14 de setembro por 0-2 ao Coruxo FC.
Manuel Pablo cre que o seu equipo fixo "un partido bastante completo aínda que nalgunhas situacións perdemos un pouco o control, sobre todo ao final".
O filial resolvera cunha goleada por 3-0 o seu primeiro encontro en Abegondo, ante o Burgos CF Promesas.
Foron baixa por lesión Hugo Torres, cun golpe; e Manu Ferreiro, que se atopa na parte final da súa recuperación.
Tampouco estiveron os 2 fabrilistas que Antonio Hidalgo citou para o partido do Dépor en Mendizorrotza ante o CD Mirandés: Samu e Kike Fernández. Ambos adestráronse pola mañá en Abegondo co primeiro equipo.
O partido arrincou cunha ocasión viguesa. Mateo xuta desde a frontal ao recanto. Hugo Ríos saca con moitos apuros. Corría o minuto 2.
Pero adiantouse o Fabril aos 4 minutos. Noé mete un balón á área por banda dereita e Nájera entrando desde atrás bate ao porteiro Ruiz Díaz.
Pouco despois, no 12, Fabi (na foto da noticia) arrinca en mediocampo e lanza un potente zapatazo ao que non pode responder o porteiro local.
Con 0-2 o partido estaba decantado para o filial.
Fabi tivo nas súas botas o terceiro ao cuarto de hora. Recibe de Bil, controla na área pero o seu remate raso atállao Ruiz Díaz.
O Coruxo FC tentou recortar diferenzas cun par de boas chegadas á área fabrilista pero os de Manuel Pablo controlaron o encontro sen pasar demasiados abafos.
Após o paso polos vestiarios, Mateo evitou case baixo paus o terceiro do Fabril ao desviar un remate de Mane nunha contra na que tamén participou Fabi. Corría o minuto 52.
A xogada chegou precedida dunha cabezada de Sola no segundo pau a centro de Añón ao que Hugo Ríos respondeu cunha gran parada.
"Faltounos un pouco de contundencia ao empezar a segunda parte", lamentouse o técnico fabrilista.
De novo o capitán fabrilista interveu con acerto no minuto 70 ao desviar un potente disparo de Mateo desde fóra da área.
O partido quedou sentenciado pola expulsión por dobre amarela de Álvaro Fernández no minuto 68.
O Fabril controlou o encontro e sumou a súa segunda vitoria consecutiva.
"A nivel xeral tivemos situacións para ter unha maior vantaxe e non estar a sufrir até o final porque con estes resultados curtos un gol méteche no partido e todo o que fixeches ben se desmorona", concluíu Manuel Pablo.
O próximo 21 de setembro ás 17:00 o Fabril recibe en Abegondo ao Salamanca CF UDS.
Coruxo FC: Ruiz Díaz, Roque, Álvaro F., Borja, Rares (Bernárdez, min. 59), Mateo, Sola, Añón (C. Alonso, min. 70), Javi González (Dani Rosas, min. 59), Santos (Nacho Fariña, min. 46) e Naveira (Xavi Cidre, min. 59)
Fabril: Hugo Ríos, Quique Teijo (Pablo García, min. 69), Aarón, Damián Canedo, Íker Vidal, Jaime Garrido, Mane (Domínguez, min. 69), Fabi (Pablo Cortés, min. 86), Noé (Estévez, min. 74), Nájera e Bil (Rubén Fernández, min. 69)
Árbitro: Juan Francisco Morato, do comité asturiano. Amoestou a Naveira (min. 8), Santos (min. 21), Rares (min. 24), Álvaro F. (min. 55 e min. 68), Sola (min. 70), Noé (min. 72) e Alonso (min. 78)
Goles: 0-1 Nájera (min. 4); 0-2 Fabi (min. 12)
Incidencias: partido correspondente á 2ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado no campo de O Vao
