O Fabril dobregou este domingo 21 de setembro en Abegondo por 2-1 ao Salamanca CF UDS en partido da 3ª xornada en Segunda Federación.
Decidiu o encontro unha gran parada de Hugo Ríos no minuto 89 a un remate de socato de Javi Delgado e, case na xogada seguinte, o gol definitivo de Rubén, sen ángulo e despois de gañar o duelo ao seu defensor.
Con este resultado, o Fabril suma 9 puntos de 9 posibles, instalado no liderado. "Aínda que teñamos o liderado é anecdótico. Temos que estar tranquilos e gozar do momento", subliñou Manuel Pablo nas declaracións pospartido.
O filial contou coas únicas baixas de Hugo Torres e Manu Ferreiro; aínda que recuperou a dous futbolistas que estiveron toda a semana en dinámica do primeiro equipo e mesmo convocados ante a SD Huesca: Samu e Kike Fernández. Os dous foron titulares.
Pola súa banda, o Salamanca CF UDS, que a pasada fin de semana derrotou por 2-0 ao Atlético Astorga FC, chegaba como 5º na táboa con 4 puntos.
Na súa única saída no que ía de competición, os salmantinos sacaron un punto (2-2) no sempre difícil campo das Eiroas de Carballo.
Saíron os visitantes cunha presión alta para dificultar a saída de balón dos branquiazuis.
Froito diso foi o primeiro disparo a porta, obra de Abraham, que se marcho rozando o pau esquerdo da meta de Hugo Ríos.
O primeiro remate fabrilista entre paus foi obra de Nájera. A meta Leo Mendes, ben colocado, atallou sen problemas.
Á media hora de xogo moi igualado, Bil cabecea en posición acrobática un entro desde a dereita que o porteiro salmantino despexa con moitos apuros a saque de esquina.
Foi o preámbulo do gol fabrilista, obra de Marotías en propia meta após outro remate de Bil ao saque de esquina.
Empatou o Salamanca CF UDS na recta final do primeiro tempo. Aos 38 minutos, o Fabril concede un córner nun erro nunha cesión a Hugo Ríos e após o saque, Servetti empuxa a pracer no segundo pau un balón peiteado no primeiro.
Con 1-1 chegouse ao final dunha primeira parte moi igualada. "Eles con balón teñen calidade, xente experimentada e sufrimos. Cando non eramos capaces de roubar xogan moi ben por dentro. Creáronnos situacións. Nós tamén pero houbo momentos de precipitación dos dous equipos. Foi un ida e volta continuo sen dono", resumiu o adestrador do filial.
Após o paso polos vestiarios veu o gran arreón do Fabril. "Demos un gran paso adiante", destacou o técnico fabrilista.
Aos 48 minutos, Íker Vidal disparou con moita intención desde a frontal e o balón foise lixeiramente desviado.
Pouco despois, Bil revólvese na área pero o seu chute case na área pequena tropeza nun defensor salmantino.
Ao minuto seguinte, Noé, totalmente libre de marca, cabecea fóra un centro desde a banda dereita.
O Fabril dominaba o partido e o Salamanca CF UDS viuse obrigado a defender case na súa área.
Noé, nunha gran xogada persoal, marchouse de varios futbolistas e rematou raso. Leo Mendes evitou o segundo tanto fabrilista.
Aos 56 minutos, de novo Noé remata fóra un centro esta vez desde a banda esquerda.
Pouco despois, Fabi entra na área e xuta raso. Leo Mendes volve responder.
Seguiu Fabi creando perigo. Aos 64 minutos, o atacante fabrilista métese na área pero o seu disparo, após tocar nun defensor, atállao Leo Mendes na raia de gol.
Bil, aos 69 minutos, revólvese e xuta desde a frontal. Leo Mendes fai outra gran parada.
Case á xogada seguinte, Leo Mendes adiántase ao remate de Bil após un centro raso desde a banda esquerda.
"Fixemos 20, 25 minutos moi bos", destacou Manuel Pablo ante os medios de comunicación.
Case a única opción do Salamanca CF UDS na segunda metade, en plena tromba de auga, foi un remate de Mancebo que se marchou fóra por pouco. O atacante salmantino recolleu un despexe de Damián.
Respondeu Pablo Cortés aos 80 minutos cun chute que desviou a saque de esquina noutra gran parada Leo Mendes.
O partido decidiuse en dous minutos.
Primeiro, Ríos salva baixo a mesma raia de gol un remate de Javi Delgado após o saque dunha falta.
Case á xogada seguinte, Cristeto entretense coa pelota, o balón chégalle a Bil, que mete en profundidade ao xuvenil Rubén e leste, case sen ángulo, fusila a Leo Mendes no gol do triunfo.
Na prolongación non houbo tempo máis que para un boureo entre futbolistas de ambos os equipos e a expulsión do salmantino Iván Casado.
O vindeiro domingo 28 de setembro ás 12:00, a Fabril visita ao Rayo Cantabria.
Fabril: Hugo Ríos, Quique Teijo (Pablo García, min. 81), Samu, Damián Canedo, Íker Vidal, Kike Fernández (Garrido, min. 81), Noé, Fabi (Pablo Cortés, min. 77), Nájera (Rubén Fernández, min. 81), Mane (Dipanda, min. 67) e Bil
Salamanca CF UDS: Leo Mendes, Parra, Murua, Casado, Marotías, Souley, Lara (Alba, min. 84), Cristeto, Mancebo, Abraham (Javi Delgado, min. 55) e Servetti (Aimar, min. 66)
Árbitro: Hugo Alonso Luiña, do comité asturiano. Amoestou a Parra (min. 29), Lara (min. 60), Casado (min. 66), Marotías (min. 75) Noé (min. 71), Samu (min. 82), Souley (min. 90) e Damián Canedo (min. 90). Expulsou a Casado (min. 90)
Goles: 1-0 Marotías, en propia meta (min. 32); 1-1 Servetti (min. 38); 2-1 Rubén Fernández (min. 89)
Incidencias: partido correspondente á 3ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.
