RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril visita á UD Sámano en liga 15 días despois do primeiro equipo na Copa del Rey nun partido "diferente"

O Fabril visita á UD Sámano este sábado 15 de novembro ás 17:00 no campo de Vallegón, en partido correspondente á 11ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

Os fabrilistas, após o empate da pasada fin de semana ante o Bergantiños CF no campo Arsenio Iglesias, son terceiros con 20 puntos, a 2 da cabeza.

Manuel Pablo ve "ben" ao equipo e cre que "o outro día (ante o conxunto carballés) deu un paso adiante a pesar de que non conseguimos a vitoria. Fomos bastante dominadores. Faltándonos un pouco de claridade na última liña, un pouco de maldade. E estanos custando en bloque baixo".

Opina que ante o Bergantiños CF "fomos máis nós, estivemos máis tranquilos. Queremos gañar e a nosa intención é gañar pero buscamos melloras nesa última liña".

Son baixa para o encontro Noé, Rubén, Mane e Enrique Fernández, este cunha escordadura no ligamento lateral interno nun xeonllo.

A UD Sámano é un vello coñecido do RC Deportivo.

O pasado 30 de outubro, o primeiro equipo vencía por 1-4 aos cántabros na primeira rolda da Copa del Rey nun choque con dous fabrilistas no once inicial: Pablo García (na foto da noticia nese partido) e Fabi. Sentaron no banco do campo de Riomar de Castro Urdiales Hugo Ríos, Íker Vidal e Bil.

O técnico fabrilista ve este sábado un partido "diferente. O da Copa enfrontábase a un rival de superior categoría nun campo diferente ao que eles están afeitos. Ese día xogaron con 5, normalmente non xogan con 5. Fiámonos máis do que fan semana após semana que nese partido".

A UD Sámano, que o pasado domingo empatou (1-1) na súa visita ao Burgos CF Promesas, é 14º con 9 puntos.

No seu campo esta campaña os cántabros caeron co Real Oviedo Vetusta (0-2), SD Sarriana (1-2) e Salamanca CF UDS (0-2); pero gañaron os seus dous últimos en casa fronte ao Real Valladolid Promesas (2-1) e Marino de Luanco (1-0).

"Están nunha dinámica máis positiva que o principio e no seu campo son un equipo difícil", advertiu Manuel Pablo ante os medios de comunicación.