RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril visita este domingo 18 ás 17:00 a unha UP Langreo que estrea novo técnico en "un campo no que aperta forte a afección"

O Fabril mídese á UP Langreo no Nuevo Ganzábal este domingo 18 de xaneiro ás 17:00 en partido correspondente á 19ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

O filial chega ao partido á fronte da táboa con 37 puntos por 36 do Oviedo Vetusta, 2º clasificado.

O conxunto que dirixe Manuel Pablo acaba de formalizar a inscrición do internacional senegalés Papa Samsou Niang, ao que xa se referiu o técnico fabrilista nunha rolda de prensa pasada: "Levaba desde outubro ou novembro aquí a proba. Gustounos. Mirámolo máis como un futbolista de proxección vendo non só este ano senón tamén os próximos anos. Pode xogar por dentro".

Ademais do lesionado Damián Canedo, son baixa para o choque Bil e Noé, que viaxaron co primeiro equipo a Almería. Ambos tiveron minutos tamén nos oitavos de final da Copa ante o Atlético de Madrid en ABANCA-RIAZOR. Manuel Pablo viunos "ben, como a outra vez, saíndo con ganas, sen presión, tentando achegar ao equipo". "Saben o que lles pedimos. Non difire do que hai arriba. Primeiro que teñan ese compromiso, esas ganas de xogar que é o máis importante. E a partir de aí coas ideas que temos tentar sacar o seu talento", engadiu.

Advirte sobre o encontro desta fin de semana en Langreo que o Nuevo Ganzábal "é un campo no que aperta forte a afección".

De feito, o futbolista local Adrián Torre recalcou nas redes sociais do club asturiano que "a salvación pasa por recuperar o fortín que era Ganzábal noutras temporadas".

E é que a situación do UP Langreo é de abafo clasificatorio posto que é 16º na táboa con 15 puntos.

Na primeira volta, disputada no campo Arsenio Iglesias o pasado 12 de outubro venceron os branquiazuis por 2-0 con dobrete de Bil.

Esta semana, o equipo asturiano efectuou un cambio no banco. Pablo Fernández Acebal foi substituído polo ex deportivista Manel Menéndez.

"Co adestrador novo van tentar dar un plus máis. Temos que tentar levalos ao noso xogo, estar concentrados, non despistarnos, ser pacientes, e facer un partido competitivo e longo", apuntou Manuel Pablo.

No seu campo esta campaña a UP Langreo gañou ao Atlético Astorga FC (1-0) e CD Lealtad de Villaviciosa (4-0); empatou co Coruxo FC (1-1), Rayo Cantabria (2-2) e Real Valladolid Promesas (1-1); e caeu co Real Ávila CF (1-2), Real Oviedo Vetusta (0-2), SD Sarriana (0-2) e Marino de Luanco (0-3).

Na súa presentación Manel Menéndez afirmou que "o nivel da categoría é moi igualado. Calquera pode gañar a calquera".

Na zona baixa da táboa, pediu "volver reactivarnos, volver coller confianza porque isto é moito máis mental que físico".