RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

O RC Deportivo lucirá os 'Brazaletes de Esperanza' na loita contra o cancro

O RC Deportivo únese á Asociación Española Contra o Cancro na iniciativa 'Brazaletes de Esperanza', unha acción simbólica que busca visibilizar a loita contra o cancro e trasladar unha mensaxe de esperanza a pacientes e familiares. 

Con motivo do Día Mundial Contra o Cancro, conmemorado o 4 de febreiro, os xogadores e o corpo técnico do Dépor lucirán unha cinta verde no brazo durante o partido que disputarán contra a UD Almería mañá domingo 9 de febreiro ás 18:30 no estadio ABANCA-RIAZOR. 

O Club uniuse xa á iniciativa a pasada fin de semana no seu partido en Ipurá ante a SD Eibar (na foto da noticia) e no disputado polas xogadoras do Dépor ABANCA ante a Valencia Féminas CF en ABANCA-RIAZOR.

O brazalete, que substitúe o tradicional crespón negro pola cor verde, representa a esperanza de alcanzar unha taxa de supervivencia do 70% en 2030. 

A iniciativa 'Brazaletes de Esperanza' forma parte da campaña 'Todos Contra o Cancro', impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro co obxectivo de mobilizar a toda a sociedade e fomentar a prevención, a equidade no acceso aos tratamentos e o impulso á investigación. 

O RC Deportivo reafirma o seu compromiso social sumándose a esta acción solidaria que contou coa adhesión de numerosos clubs e entidades deportivas.

O deporte convértese así nun vehículo crave para sensibilizar á cidadanía e trasladar a importancia da investigación como ferramenta fundamental para reducir o impacto do cancro na sociedade. Pequenos xestos poden contribuír a grandes avances na loita contra esta enfermidade.