RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O RC Deportivo pide a ratificación de oficialidade da Copa España de 1912, resumida en 11 puntos

O RC Deportivo solicitou á Real Federación Española de Fútbol a ratificación da oficialidade da Copa España de 1912, tema principal do libro de Rubén Ventureira sobre as orixes do Club presentado o pasado 20 de decembro, 'De la Sala Calvet al título olvidado. Albores del RC Deportivo 1901-1912'.

O Club presentou fai tres semanas á RFEF, nunha reunión co seu presidente Luis Rubiales, un escrito de dous folios no que se esgrimen os argumentos que levan ao RC Deportivo a reclamar que aquel título sexa considerado como un trofeo oficial nacional de máxima categoría.

A petición de ratificación de oficialidade da Copa España de 1912 por parte do RC Deportivo resúmese en 11 puntos:

1) A Copa España de 1912 –tamén chamada Concurso España– foi organizada pola Federación Española de Clubs de Foot-ball (FECF), entón única entidade reitora do fútbol español. Ademais, a FECF é unha das dúas asociacións que ao ano seguinte, 1913, orixinaron a actual Real Federación Española de Fútbol (RFEF).

2) A FECF organizou durante a súa existencia, entre 1909 e 1913, cinco torneos. Os outros catro son considerados oficiais a día de hoxe como Campeonato de España/Copa de SM El Rey (figuran no palmarés do FC Barcelona –dous–, Athletic de Bilbao e Real Unión de Irún) e só a Copa España de 1912 non goza do devandito recoñecemento. Isto último é debido a que pasou ao esquecemento trala disputa dunha única edición completa.

3) A FECF publicou as bases do torneo con suficiente antelación, case catro meses antes da disputa do torneo. Que teñamos constancia, reproducíronse integramente en polo menos dous xornais: El Mundo Deportivo e La Publicidad.

4) Estas bases establecen a principal diferenza entre a Copa España e o Campeonato de España: na primeira competición permitíase a participación de xogadores estranxeiros. Este feito non resta un chisco de oficialidade nin de categoría ao trofeo xa que até 1911 permitiuse a participación de futbolistas estranxeiros no Campeonato de España e, a partir da fundación da RFEF en 1913, tamén se tolerou a actuación de xogadores foráneos no devandito torneo.

5) A Copa España disputouse en tempo e forma na sede que a asemblea da FECF acordara inicialmente, A Coruña.

6) Que na Copa España inscribísense só 3 clubs e participasen só 2 tampouco resta oficialidade nin categoría ao torneo, xa que o Athletic Club gañou a Copa do Rei de 1904 sen xogar un só partido e o Real Madrid CF e o FC Barcelona fixeron o propio nas edicións de 1908 e 1913 disputando o mesmo número de encontros que o Deportivo en 1912, un.

7) O partido polo título suspendeuse a falta de seis minutos para a súa conclusión por falta de luz e ambos os capitáns, árbitro e delegado federativo (quen era ademais presidente do Vigo FC, José Sobrino Gómez) acordaron finalizalo ao día seguinte e despois disputar un amigable.

8) Aínda que as cinco crónicas que localizamos difiren na evolución do marcador, todas coinciden en que o resultado final foi de 4-3 a favor do RC Deportivo.

9) Non consta que o Vigo FC presentase impugnación algunha ao resultado final e, no improbable caso de que esta se presentou, carecería de sentido xa que o delegado federativo do partido foi o propio presidente do Vigo FC, José Sobrino Gómez, quen admitiu a continuación do mesmo ao día seguinte e a disputa dun encontro amigable a continuación.

10) En 1913, a FECF e a Unión Española de Clubs de Foot-ball (UECF) organizaron senllas edicións da Copa España e ambas designaron A Coruña como sede das súas fases finais, recoñecendo así mesmo a federación disidente a consecución por parte do RC Deportivo do título o ano anterior. Ningunha destas dúas edicións chegaron a concluírse debido a que ambas as entidades deron paso, en setembro de 1913, á actual RFEF.

11) O trofeo, no que aparece gravado o nome da federación organizadora (FECF), obra en posesión do RC Deportivo desde 1912.

Un libro para celebrar o noso 116 aniversario

O RC Deportivo celebra os seus 116 anos de existencia coa publicación deste novo libro sobre #ANOSAHISTORIA, que rememora con inédita minuciosidade as orixes e primeiros anos de existencia do Club. O RC Deportivo achegou a 'De la Sala Calvet al título olvidado. Albores del RC Deportivo 1901-1912' numerosas fotografías pertencentes ao seu arquivo histórico, moitas delas proporcionadas por particulares durante o amplo traballo de documentación e recuperación do patrimonio histórico realizado nos últimos anos polos seus Departamentos de Comunicación e Protocolo, de entre as máis de 200 imaxes que a ilustran, así como diversa información acerca dos primeiros escudos e equipamentos do Club.

O libro reivindica no seu primeiro capítulo o 'título esquecido', a Copa España de 1912, e repasa cada un dos seus seis primeiros anos de vida cun capítulo para cada un. Ademais, outro episodio recompila todo o sucedido desde a inauguración da Sala de Armas Calvet en 1901 até a fundación do RC Deportivo a finais de 1906. A parte final contén as biografías dos gañadores da Copa España de 1912, un repaso a todas as finais xogadas polo RC Deportivo, unha análise das primeiras competicións de Copa disputadas en España, o palmarés do fútbol español, a conservación do trofeo en cuestión e a listaxe completa de partidos desde a fundación do Club até a conclusión do ano 1912.

Despois das publicacións '112 partidos en Europa. De Aalborg a Aalborg', no que se repasan todos os encontros disputados polo equipo branquiazul en competicións continentais (1993-2009), e de 'Riazor 75', a publicación que resume todo o sucedido en #ANOSACASA desde a súa inauguración en 1944, a colección de libros deportivistas dá un gran salto cara atrás no tempo. Faio para rememorar a chegada do fútbol á Coruña, as raíces do RC Deportivo e os primeiros anos de vida do Club.

O Club segue facendo un chamamento aos afeccionados que poidan conservar fotografías ou calquera tipo de material relacionado con #ANOSAHISTORIA. Poden achegarse co mesmo á sede social (Praza de Pontevedra 19-1º 15003 A Coruña), envialo a esa mesma dirección ou a través do correo electrónico fundacion@rcdeportivo.es.