RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O temporal non freou esta mañá a un Dépor que está "a desexar que chegue o próximo partido"

O temporal de vento e choiva que azouta hoxe domingo A Coruña non freou ao Dépor, que se adestrou esta mañá no campo 2 da Cidade Deportiva de Abegondo.

"Tócanos traballar. Non puntuando en ABANCA-RIAZOR seguimos alimentando eses datos en casa pero o equipo mostrou unha capacidade de competir que nos ten que marcar o camiño para seguir de aquí en diante", subliñou onte Óscar Gilsanz na rolda de prensa posterior ao encontro ante o Levante UD.

O técnico deportivista admite que "cando xogas e perdes estás a desexar que chegue o próximo partido. En cambio cando ganas o seguinte chega rapidísimo. Non che dá tempo a saborealo. Adoita ser así. Todos temos ganas de que chegue xa o próximo partido", en referencia á visita ao CD Tenerife previsto para este mércores 29 de xaneiro ás 21:00 horas (hora galega, 20:00 hora local, LaLiga TV Hypermotion), correspondente á 19ª xornada que foi aprazado o pasado 15 de decembro polo temporal en Tenerife.

Sostén que "nesta semana máis curta quédanos primeiro analizar ben o partido de hoxe (polo de onte) en clave negativa e positiva, o que fixemos mal, o que fixemos ben. E seguir traballando niso".

Os titulares ante o Levante UD tiveron esta mañá tarefas de recuperación no ximnasio e na sala de fisioterapia; e tan só 4 deles saltaron ao céspede para realizar co resto do grupo a activación con rondos.

Os demais integrantes do cadro, cos canteiráns Alberto, Kevin Sánchez e Pablo García, realizaron un exercicio de posición e fútbol en espazo reducido, de alta intensidade.

Escudero está con adestramento personalizado e Charlie Patiño recupérase dunha infección respiratoria.

Mañá luns 27 de xaneiro Os Nosos adestraranse de novo a partir das 11:00 en Abegondo.