RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O vestiario cre que o marcador é "xusto"

Villares e Stoichkov pasáronse pola zona mixta de Ipurúa.

O capitán deportivista afirmou que o equipo era consciente de que "o partido era de sufrimento, un campo moi complicado da categoría. O último equipo que gañou aquí creo que fomos nós (na liga pasada). Iso dá a magnitude que teñen eles como locais".

Iso si, confesa que o resultado de empate "doe polo gol no 93. Tiñámolo moi cerquiña pero eles empuxan moito, fano en todos os partidos. Hoxe tocou así".

Villares cre que o resultado final "pódese considerar como xusto porque na segunda parte empuxaron moito, custábanos un pouco saír e a pesar de que o puidemos matar nesa acción dun contra un de Yere, o empate é xusto".

Pola súa banda, Stoichkov, protagonista da xogada do penalti que adiantou ao Dépor, explica que "o defensa quere despexar o balón, meto o pé buscando o penalti, o árbitro sinalou e serviunos para pornos por diante".

O atacante deportivista, que hoxe se estreou no once inicial, sostén que o empate "é un bo punto nun campo moi complicado. Sumar aquí é moi complicado. Hai que darlle valor ao punto. É verdade que nos últimos minutos empátanche e vasche cunha sensación de que che podías levar os 3 puntos pero é o máis xusto. Na segunda parte apertaron moi ben e gañar aquí é moi complicado".

Finalmente o futbolista branquiazul, que se marchou do campo ovacionado pola bancada polo seu pasado eibarrés, insiste en que "nesta categoría hai que valorar cada punto" e reitera que "estivemos ben na primeira metade, na segunda é verdade que sufrimos pero eu voume moi contento".