RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

Os deportivistas exhiben o seu orgullo polo Dépor Training Center

Os deportivistas mostraron o seu orgullo polo Dépor Training Center nas declaracións aos diferentes medios de comunicación acreditados.

Así, Diego Villares, capitán do primeiro equipo masculino, sostén que é "un cambio moi significativo para todos. Os xogadores estamos a vivir isto día a día e ves que cada día está a cambiar un pouquiño máis. Ves que todo vai a mellor. Estamos ilusionados polo que pode ser".

Apunta que "aos futbolistas están a dotarnos das máximas infraestruturas posibles para que esteamos cómodos, para que o día a día sexa o mellor posible. Nós a responder co noso traballo no campo".

Paula Monteagudo, unha das canteirás das Nosas, confesa que "para min é un orgullo pertencer a un club como o Dépor que aposta pola canteira e o fútbol feminino. Agora, con estas instalacións que temos, a tentar falar nós no campo e facer que sentan orgullosos de nós".

A polivalente futbolista do Dépor ABANCA, autora o pasado domingo do primeiro gol dunha canteirá en Liga F, subliña que o Dépor Training Center sitúa ao Dépor "á altura dos grandes clubs a nivel internacional. É un privilexio".

Pola súa banda, Manuel Pablo cre que a instalación "é un progreso moi importante para o Club, o futuro de algo que vai fortalecer a canteira e o traballo de todos os que estamos aquí".

O técnico fabrilista, que viviu o nacemento da Cidade Deportiva en 2003, opina que "houbo cambios máis pequenos pero este é un cambio moi profundo e moi grande. E o que está por verse".

Jorge Betancor, representante da empresa Populous en España, asegura que o Dépor Training Center "vai ser un referente no ámbito das cidades deportivas. Vai marcar un antes e un despois".

Iván Sánchez, Director de Infraestruturas do RC Deportivo, recalca que "a Cidade Deportiva está nunha contorna natural inmellorable. O Club ten unha aposta pola sustentabilidade fiel. Elixiuse unha certificación que é Well, que mide a contorna para as persoas, como nos achega ese edificio, esas construcións para as persoas, ese mundo que imos crear aquí a todos os usuarios".

Os familiares de Arsenio Iglesias, "moi felices"

Os fillos de Arsenio Iglesias confesan que o novo nome do campo principal "fainos moi felices. É un acto de orgullo máis. Para nós é un sentimento moi bonito ver como lle poñen este nome a este campo de fútbol, que vai permanecer aí ao longo do tempo".