Os goles de Kevin Sánchez, Fabi e Quique Teijo brindan a vitoria ao Fabril fronte ao líder en ABANCA-RIAZOR
Manuel Pablo, contento co partido, cualifica o resultado como "sufrido", pero entende que foi un encontro completo e que "saíu perfecto".
O Fabril logra vencer ao Pontevedra CF, primeiro clasificado, en ABANCA-RIAZOR (3-0), grazas aos goles de Kevin Sánchez e Fabi.
Aínda sen cumprirse o minuto 4, Kevin Sánchez gañou ao seu par un balón longo que parecía non ter perigo e plantouse ante o porteiro, finalizando a xogada cunha vaselina medida para instalar o 1 a 0 no luminoso.
Os líderes apertaron após o gol e Alberto tivo que empregarse a fondo para sacar un gran disparo no recanto tan só cinco minutos despois.
No 13, Alfaro estivo a piques de roubar o balón nunha acción que se lle complicou ao porteiro rival e no 19, Kevin estivo preto de dobrar a súa conta persoal cun disparo de falta ao bordo da área que se marchou rozando o poste dereito.
Alfaro conseguiu facerse cun bo balón no pico da área pequena aos 26 minutos de partido, pero pasouse de potencia e o esférico foise alto.
Xa no desconto da primeira metade, Alberto volveu protagonizar un paradón a un croque de socato para conservar a vantaxe ao descanso.
Á volta de vestiarios, continuou o dominio deportivista. Fabi plantouse na área após sortear a varios defensores no 48, pero o seu disparo foi selado pola zaga pontevedresa. O propio Fabi tamén tenteou a súa destra desde fóra da área pouco despois, cun disparo que se lle amrchó alto.
O Pontevedra adiantou liñas en busca do empate e iso sóuboo aproveitar o Fabril que, nun contraataque executado á perfección, Fabi definiu ao pau longo de Sousa para dobrar a vantaxe, 2-0.
O últimos vinte minutos de enfrontamento o partido abriuse por completo. No 72, Alberto volveu realizar un paradón ao remate dun córner e no 83 Guerreiro respondeu cun disparo potente na área que se marchou fóra.
Finalmente, cando parecía que o encontro non ía deparar máis, Quique Teijo apareceu para anotar un gol máis e redondear o resultado a 3-0.
Fabril: Alberto, Mardones, Marotías, Alfaro (Quique Teijo, min. 86), Kevin (Guerrero, min. 74), Canedo, Enrique (Jaime Garrido, min. 8), Vidal, Fabi (Carreira, min. 86), Manu Ferreiro (Nsongo Bil, min. 74), Pablo.
Pontevedra CF: Sousa, Fontán (Garay, min. 65), Mario Gómez, Álex González (Costa, min. 65), Novo (Chiqui, min. 46), Yelko Pino (Rufo, min. 78), Mayo, Abelenda, Xabi (Charly, min. 46), Pelayo, Héctor.
Árbitro: Omar Álvarez Rodríguez.
Goles (3-0): 1-0, Kevin Sánchez, min. 5; 2-0, Fabi, min. 67; 3-0, Quique Teijo, min. 89.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 21 no grupo 1º de Segunda Federación, disputado no estadio ABANCA-RIAZOR ante 1866 espectadores.