Óscar Gilsanz ultima o plan de partido para Cartagonova "con tranquilidade, normalidade e traballo"
Óscar Gilsanz perfilou esta mañá cos seus futbolistas o plan de partido para o choque ante o FC Cartagena no Estadio Cartagonova previsto para este sábado 2 de novembro ás 16:15 (LaLiga TV Hypermotion).
A mañá arrincou na sala de vídeo e trasladouse a continuación ao campo 2 para unha activación con rondos.
Concluída esta primeira parte supervisada polos preparadores físicos Roberto Cabellud e Sergio Roca, Óscar Gilsanz tomou as rendas para ultimar os detalles tácticos para este sábado.
En rolda de prensa, o técnico subliñou que "o Club necesita tranquilidade, normalidade e traballo. E estamos niso".
Jose Ángel e Mfulu están con adestramento personalizado. "Son as 2 baixas que xa que xa vimos arrastrando e despois o resto están dispoñibles", aclarou Óscar Gilsanz.
Sobre Jaime Sánchez, que hoxe completou todo o adestramento, mostrou cautela ao indicar que "veremos a ver como se atopa para poder axudarnos nesa posición (de mediocentro)".
Mañá venres, o Dépor adianta unha hora a sesión, que comezará ás 10:00 na Cidade Deportiva posto que ao concluír, os convocados viaxarán a Cartagena, vía Alacante.