Pablo Jean-Antoine Martínez (Orange, Francia, 21 de febreiro de 1989) prolongou o seu contrato co RC Deportivo por unha temporada con opción a outra máis.
Martínez, de ascendencia española e con dobre nacionalidade hispano-francesa, incorporouse ao Dépor no verán de 2022, procedente do Nîmes Olympique FC. Por tanto, leva dúas temporadas defendendo a camiseta branquiazul, durante as cales se converteu nun dos xogadores máis carismáticos e máis queridos por #ANOSAFORZA.
O central ou lateral zurdo galo suma 66 aparicións oficiais co Dépor, repartidas do seguinte modo: 61 partidos en Primera Federación, 2 en Copa del Rey, 2 en playoff de ascenso a Segunda División e 1 na Final de Campións de Primera Federación. En total, marcou 4 tantos, todos eles esta temporada e o último hai dous días para dar a vitoria aos branquiazuis fronte o CD Castellón no encontro de ida da Final de Campións.
O defensa central zurdo xa coñecía o fútbol español antes de chegar á Coruña, despois de xogar no RCD Mallorca B, equipo no que militou dúas temporadas –entre os 18 e os 20 anos– en Terceira División despois de formarse na canteira do Nîmes Olympique FC.
Pablo Martínez sumou 126 aparicións (120 como titular) na primeira división francesa en seis campañas consecutivas, entre 2015 e 2021, nas filas do Gazélec FC Ajaccio (2015-16), Angers SCO (2016-17), RC Strasbourg (2017-19) e Nîmes Olympique FC (2019-21). A súa conta goleadora na máxima categoría do fútbol galo ascende a 5 tantos. Co conxunto de Estrasburgo, ademais, conquistou a Copa da Liga francesa da temporada 2018-2019.
Tralo seu paso pola capital balear e antes de aterrar na elite do balompé francés, Pablo Martínez militou no ES Uzès Pont du Gard (2009-10), FC Martigues (2010-11), de novo ES Uzès Pont du Gard (2011-13) e Gazélec FC Ajaccio (2013-15). Con este último club logrou dous ascensos consecutivos, de National –a terceira categoría francesa– a Ligue 2 (2013-14) e de Ligue 2 a Ligue 1 (2014-15).