Pablo Valcarce confesou na sala de prensa de Abegondo que "non vin a clasificación", aínda que si subliñou que "o meu obxectivo e o de todos está claro. O final de temporada ditará sentenza".
Con ampla experiencia no fútbol profesional, cre que "hai que ser positivo, levalo ben, pensar sobre todo no día a día. O pasado, pasado está; o futuro non o podemos controlar. Fixarnos no día a día e xa está".
Laméntase do gol da SD Tarazona "na última xogada, un gol que non debemos conceder. Quizais se gañamos o outro día 0-1 non estariamos a falar de regularidade, pero o fútbol é así, ten estas cousas. Hai que deixar de conceder certas cousas ou erros, e creo que o equipo en todo o demais segue funcionando e segue crecendo".
Non está preocupado pola efectividade en ataque posto que "o problema sería se non xerásemos ou non tivésemos ocasións; pero o outro día ou nos partidos de ABANCA-RIAZOR estamos a xerar moitas ocasións e non están a entrar. Unha vez que se descorche o primeiro empezarán a caer máis goles nos partidos ou os pecharemos antes. Preocupación no vestiario ningunha".
Do Osasuna B, rival o vindeiro domingo 26 de novembro en ABANCA-RIAZOR (20:00 horas, TVG-2 e FEF TV), espera Pablo Valcarce "o que é un filial, un equipo novo, correúdo, que vai ir a por todas. Tampouco digo nada raro porque é o que prima nesta categoría, na que todos van ao 100%, é dicir, se flojeas un pouco nótanse as carencias de calquera equipo. Desde onte xa estamos a preparar o partido para levarnos a vitoria en ABANCA-RIAZOR".