RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Pablo Vázquez cre que o fútbol nos penalizou moito e Valcarce, que nun momento a outro se darán os resultados

Pablo Vázquez e Pablo Valcarce pasáronse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR.

O central, autor do único tanto do Dépor, apunta que "dominas o 90% do xogo e o fútbol outra vez penalízanos demasiado. Hai que insistir, o equipo dá síntomas de que ten un gran nivel e estánllenos escapando pequenas cousas do noso control durante uns poucos minutos en cada partido que nos está penalizado inxustamente. Hai que seguir, hai que confiar".

Confesa que marcar "dáme un sentimento moi grande porque podía desatascar o partido. Necesitabamos meter este primeiro gol. O feito de metelo eu libérame bastante".

Pensa que "na primeira parte estivemos moi ben. Merecemos bastante máis. Na segunda parte, desde o minuto 60, tivemos un pouco de dúbidas. En 5 minutos malos nesa franxa de tempo o fútbol penalizounos moito".

Pola súa banda, Pablo Valcarce, indica que a sensación no vestiario é "fodida porque insistimos, seguimos pelexando e téñennos que saír as cousas. É a liña a seguir. Nun momento a outro se darán os resultados".

En punta ante a UE Cornellà, lembra que "podo xogar en diferentes posicións de ataque. Tocoume esa posición un pouco máis incómoda, fixar un pouco máis aos centrais. Estou ao servizo do equipo e onde o míster me mande, alí estarei".

Finalmente cre que "concedemos un gol que non debemos conceder. Antes do gol deles temos opcións para marcar o 2-0 que non terminamos de materializar. Despois do gol deles axitámonos e nos últimos 10 minutos, dentro dunha desorde, eu teño unha ocasión no 87 moi parecida á do outro día. Quedamos con iso, seguimos nesa liña, traballo e sacrificio e ao final dará os seus froitos".