RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Raquel García xogará un ano máis no Dépor ABANCA

Raquel García Yagüe (Madrid, 22 de abril de 1997) xogará por terceira campaña consecutiva no Deportivo ABANCA após asinar a súa renovación até xuño de 2024.

A defensa madrileña, curiosamente a primeira futbolista desa comunidade na historia do Dépor ABANCA, aterrou na Coruña no verán de 2021.

Nas súas dúas primeiras temporadas foi indiscutible no centro da defensa branquiazul. O primeiro curso xogou os 30 partidos de Liga, todos como titular, e sendo só substituída no último, aos que engadiu os 2 de Copa da Raíña e o do playout ante o Real Unión de Tenerife, os 3 como titular e completos.

Na campaña recentemente finalizada, a central madrileña volveu disputar os 30 partidos de Liga como titular, sendo substituída só nun. En Copa da Raíña xogou 1 dos 2 partidos e no playoff de ascenso foi titular e disputou os 420 minutos dos 4 encontros ante CP Cacereño Femenino e Granada CF.

Así pois, Raquel García xa suma 68 partidos oficiais coa camiseta branquiazul: 60 en Primera Federación Iberdrola, 3 en Copa da Raíña, 1 de playout e 4 de playoff de ascenso. Na súa conta particular figuran 3 goles, todos na temporada 2022-23 e no campionato ligueiro.

A central comezou a xogar ao fútbol con só 8 anos no CD Puerta Bonita madrileño. Formada na canteira do Atlético de Madrid, ao que pertenceu durante 10 campañas (2007-2017), no curso 2017-2018 fichou polo Málaga CF. Raquel foi parte importante do equipo que logrou o ascenso a Primeira División e tamén na temporada do debut malagueño na máxima categoría, na que xogou 29 encontros (todos como titular) e marcou o seu primeiro e único gol na mesma.

Ao curso seguinte, a central madrileña puxo rumbo ao EDF Logroño, co que participou en 20 encontros de Primera División, 14 deles como titular. A súa última parada antes da Coruña foi o Granada CF, co que militou en Reto Iberdrola no curso 2020-21. Raquel xogou 21 partidos (13 como titular) e anotou un tanto.

Raquel García súmase ao cadro deportivista 2023-24 tralas renovacións de Lucía Alba, Henar Muiña e Cris Martínez durante o curso 2022-23, a recente ampliación de Millene e as xogadoras con contrato en vigor: Inés Altamira, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín e Carlota Suárez.