
"Sentimento de tristeza por #ANOSAFORZA" en Álex e "mentalizado xa en preparar a próxima temporada" Lucas Pérez
Álex Bergantiños non ocultou na sala de prensa de Castalia a súa "decepción e sobre todo un sentimento de tristeza por #ANOSAFORZA porque leva moito tempo sufrindo, dando tanto por tan pouco que é difícil de asimilar".
O mediocentro branquiazul vaticina que "os Deportivistas imos seguir resistindo. Os coruñeses e o deportivismo temos algo diferente e non creo que se vaia a apagar. Está claro que o Club ten que tentar dunha vez cambiar cousas para volver dar o salto. Estamos por baixo en moitas cousas do que temos como afección e como contorna. Haberá que reflexionar, ver que cousas pódense facer mellor e non renderse nunca, porque isto non para. Estou convencido que o deportivismo, e eu como Deportivista, haberá no verán novas ilusións e seguirán empuxando para que o Deportivo estea onde se merece".
Cre que "non puido ser máis cruel o partido connosco, co gol de rebote ao final, o penalti, metemos na prórroga... Foi un carrusel de emocións e neses detalles, neses momentos, non están a caer do noso lado nos últimos anos".
Admite que "tivemos fallos graves atrás. Logo refixémonos moi ben cun resultado adverso. Cando eles estaban con moita confianza tivemos personalidade para empatar e mesmo ter opción do 2-3. Logo colgáronnos balóns ao final do partido, ese disparo afastado que de rebote acaba entrando e logo a expulsión. Non a vin e nin sei porqué foi".

Pola súa banda, Lucas Pérez, visiblemente emocionado, cualificou o día como "triste. Non sabes que dicir. Sentes frustración, decepción por toda a xente, por toda a cidade, polos meus compañeiros. Desde fóra se cadra non se ve pero estase a sufrir aí dentro. O deporte ten estas cousas, boas e malas. Hai que aprender".
Asegura o dianteiro coruñés que "sigo coa mesma ilusión, coas mesmas ganas. Hoxe é un día triste. Hai que levantar a cabeza. Isto é o deporte e hai que seguir loitando".
Do partido, indica que "pasaron cousas moi estrañas pero é algo lóxico porque son moitas emocións, os equipos xóganse toda unha temporada. Darlle o parabén ao CD Castellón. Foron os vencedores. Gañaron e fixeron un bo partido. Nós tivémolo en varias ocasións. Isto é o fútbol, así de caprichoso. Non hai que botarlle a culpa a ninguén nin mirar para atrás. Isto é o deporte, cabeza arriba e a seguir. O ano que vén prepararémonos mellor para afrontar unha temporada dura, pero sabémolo. Estou mentalizado desde xa para preparala".