Sergio Escudero admitiu esta mañá na sala de prensa que os períodos nos que estivo lesionado foron "duros porque chegas cunha ilusión moi grande a un sitio como é o Dépor e cunhas expectativas altas a pesar da miña carreira deportiva. Foi levadío grazas á miña familia, a todos os profesionais que hai no Club, físios, médicos, compañeiros, corpo técnico... Todo. Tiven esa sorte de que coincidín con grandísimas persoas que me axudaron a facelo un pouquiño máis levadío".
Despois de volver gozar de minutos de xogo, mostrouse "contento, con moitas ganas de volver. Foi un período duro, difícil, porque para un futbolista o momento dunha lesión é o peor, non poder estar a facer o que a un lle gusta, axudar aos compañeiros".
Superada a lesión, asegura estar "centrado en volver recuperar o ritmo, axudar ao equipo no campo. Estou contento de estar con eles".
O lateral deportivista, que o pasado domingo ante o Real Racing Club saltou ao céspede no minuto 76 en substitución de Altimira, afirmou sentirse "ben. Era un partido coas revolucións moi altas e un ritmo rápido. Vénme ben. Onde se collen as sensacións de fútbol é xogando minutos".
A partir de agora, insiste en que "o que hai que facer é seguir competindo, tentar axudar ao equipo o máximo posible cando me toque xogar. E cando non me toque xogar facelo desde fóra. Para iso estamos. Hai que tentar sumar ao máximo porque necesitamos a todos".
Sobre LaLiga Hypermotion, Escudero recalca que "os que coñecemos a categoría sabemos que é moi complicada. Vemos a clasificación como está, súper apertada. No que vai de temporada o equipo está a facer un traballo excepcional a pesar de que son xeiras".
Finalmente, pensa que "agora non estamos a ter esa sorte de cara ao gol porque ocasións estamos a ter. Non están a entrar. Hai que seguir co traballo, a ilusión e a actitude que está a ter o equipo".
