RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Terceiro duelo directo para o Fabril en Segunda Federación, esta vez mañá sábado en Valladolid

Por terceira semana consecutiva o Fabril encara un partido ante un rival directo en Segunda Federación, esta vez mañá sábado ás 16:30 (Youtube Real Valladolid) nos campos Anexos ao Estadio José Zorrilla ante o Real Valladolid Promesas, en partido correspondente á 28ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

Os dous anteriores saldounos o filial branquiazul con derrota en Vilalba (1-0) e con vitoria en Abegondo ante a RS Gimnástica de Torrelavega (1-0).

Fabril e Real Valladolid Promesas chegan empatados a 33 puntos na clasificación: 10ª o filial deportivista por 11ª o valisoletano por mellor diferencia de goles.

Óscar Gilsanz pide "ter os pés no chan. Debemos facer un exercicio de equilibrio, dándolle naturalidade ao que pasa. Que ganas e tes ese subidón, loxicamente ves a clasificación e vesche máis arriba. Pero coa igualdade que hai na categoría, até o final en canto á clasificación non se vai a resolver nada", alerta.

Causan baixa para o partido Álex Alfaro, sancionado ao cumprir 5 cartóns amarelos; David Vilán, cunha lesión na súa pantorrilla esquerda; e Rubén López, citado por Imanol Idiakez para o partido do Dépor en Majadahonda.

A maiores, Kevin Sánchez, máximo goleador do equipo, está concentrado coa selección española sub-19 en Eslovenia do mesmo xeito que o deportivista David Mella.

Iso si, o filial recupera a Martín Ochoa, superada a súa lesión muscular. "Está xa incorporado aos adestramentos. Hoxe completou a sesión. Vai viaxar para irse incorporando aos poucos, para que vaia tendo boas sensacións e para que vaia recuperando o ritmo", explicou o técnico branquiazul.

Pola súa banda, o conxunto valisoletano caeu goleado (4-1) a pasada semana en Ourense. Na primeira volta disputada en Abegondo o 12 de novembro foi capaz de sacar os 3 puntos (2-3) nun partido con alternativas no marcador. Mati Castillo e Vilán foron naquela ocasión os goleadores fabrilistas.

No seu campo esta temporada o Valladolid Promesas gañou ao CD Covadonga (3-1), Zamora CF (2-1), UP Langreo (2-1) e Real Oviedo Vetusta (1-0) e SD Compostela (2-0); empatou co Pontevedra CF (1-1) e Coruxo FC (1-1) e Rayo Cantabria (1-1); e perdeu co Real Avilés Industrial (1-2), Marino de Luanco (0-2), Ourense CF (0-1), Racing Villalbés (0-1), CD Guijuelo (0-2) e Arandina CF (1-4). 

O seu técnico, Álvaro Rubio, advirte que "hai que saír coa tensión e a intensidade necesarias para afrontar calquera partido nesta categoría porque nos gañou da mesma maneira o pechacancelas e o líder desta categoría. Non podes elixir segundo o rival que tes o nivel de intensidade. Hai que saír sempre ao 100%. Nesas estamos en facerlle ver iso aos mozos porque se non, calquera equipo pódeche gañar".