RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Triunfo do Dépor ante a SD Compostela no primeiro amigable de pretemporada

Pistoletazo de saída á pretemporada do Dépor posto que Os Nosos estreáronse ante a SD Compostela de Terra Federación no primeiro amigable.

O partido concluíu con triunfo branquiazul, hoxe co segundo equipamento, por 0-5 con goles de Eddahchouri -2-, Bouldini, Rubén López e Cristian Herrera.

Nos primeiros 45 minutos, o técnico dispuxo unha liña defensiva formada por Petxarroman, Dani Barcia, Samu Fernández e Alloh, un futbolista a proba; con Patiño e Denis Genreau por diante. A zona de ataque foi para Luismi Cruz, Yeremay, Mario Soriano e Eddahchouri como punta de lanza.

Co meta Hugo Ríos, até 4 canteiráns gozaron dos primeiros minutos de xogo do Dépor nesta temporada 2025-26. 

Dada a diferenza de categoría, o partido foi de lóxico dominio deportivista. O Compos agardou replegado unha contra para pór en apertos a Hugo Ríos.

As primeiras opcións do partido tivéronas Mario Soriano e Eddahchouri en chegadas por banda dereita, aínda que sen puntaría. 

Aos 23 minutos, Yeremay remata alto un balón franco dentro da área grande.

De novo o '10' deportivista puido marcar após recibir un pase en longo de Patiño ás costas da defensa compostelanista. A súa vaselina ao ex deportivista Álex Cobo marchouse fóra.

Eddahchouri adianta ao Dépor no minuto 32. O dianteiro empuxa á rede unha asistencia de Luismi Cruz, que entrou na área compostelanista libre de marca, por banda dereita.

De novo o holandés acerta no minuto 37 ao colocar un balón lonxe do alcance de Álex Cobo.

Con este resultado chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, o Dépor formou con Eric Puerto en portería; cunha liña defensiva formada por Guerrero, Lucas Noubi, Samu Fernández, Escudero e Mella, este de carrilero zurdo. Villares e Rubén López actuaron na sala de máquinas, con Cristian Herrera, Kevin Sánchez e Bouldini como puntas de lanza.

Foi precisamente Bouldini o que anotou o terceiro tanto deportivista. Recibiu algo escorado na área local e bateu ao porteiro local Graumann.

Rubén López foi o autor do cuarto ao recoller un balón solto na área do Compos e rematar á rede. Corría o minuto 63.

Cristian Herrera pechou a conta do partido case no 90 ao rematar na área após un saque de esquina.

Deportivo, primeiro tempo: Hugo Ríos, Petxarroman, Dani Barcia, Samu Fernández (Damián Canedo, min. 70), Alloh, Patiño, Genreau, Mario Soriano, Luismi Cruz, Yeremay e Eddahchouri

Deportivo, segundo tempo: Eric Puerto, Guerrero, Lucas Noubi, Samu Fernández, Escudero, Villares, Rubén López, Kevin Sánchez, Cristian Herrera, Mella e Bouldini

SD Compostela: Álex Cobo (Graumann, min. 46), Valín (Trasi, min. 46), Aarón (Eloy Rivas, min. 66), Mateo (Lucas Fariña, min. 75), Damián (Remuiñán, min. 66), Maceira (Goris, min. 46), Carlos López (Thiago, min. 66), Diego Rodríguez (Iago Castro, min. 66), J. Cañizares (Antón Guisande, min. 46 e Jose Ángel Rey, min. 75), Diego Uzal (Samu, min. 46) e Porrúa (Lucas González, min. 66)

Árbitro: Gustavo Vidal Fonseca, do comité galego

Goles: 0-1 Eddahchouri (min. 32); 0-2 Eddahchouri (min. 37); 0-3 Bouldini (min. 46); 0-4 Rubén López (min. 63; 0-5 Cristian Herrera (min. 89)

Incidencias: partido amigable disputado no Estadio Vero Boquete de San Lázaro cunha gran entrada. Toda a recadación foi destinada á Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia.