RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA que quere dar "unha mellor versión" recibe ao Madrid CFF este domingo ás 16:00 en ABANCA-RIAZOR

O Dépor ABANCA regresa a ABANCA-RIAZOR este domingo 28 de setembro ás 16:00 (Dazn) ante o Madrid CFF en partido correspondente á 5ª xornada en Liga F.

As Nosas chegan ao choque en 9ª posición da táboa, con 5 puntos, despois da derrota da pasada fin de semana no Alfredo Di Stéfano fronte a un equipo de Champions como é o Real Madrid CF.

Fran Alonso asegura que a semana de adestramentos en Abegondo transcorreu "ben. Tiñamos claro cousas que había que mellorar despois do noso último partido".

O técnico deportivista confesou ver "bastante fame, capacidade de mellora e espero que vexamos o próximo partido unha mellor versión que a que vimos no pasado encontro".

En canto ás baixas, alegrouse da volta de Millene. A dianteira deportivista pode entrar na convocatoria "e se non para o seguinte seguro que estará, indo todo como vai até agora". 

Tamén subliñou que Lucía Rivas "a próxima semana xa empeza no campo e con Espe Pizarro é con quen temos que esperar un pouquiño máis".

Pola súa banda, o Madrid CFF, que a pasada fin de semana empatou no seu campo (1-1) co Atlético de Madrid, é 8º con 5 puntos.

Fóra do seu campo esta temporada as madrileñas caeron por 2-1 co Real Madrid CF no seu único desprazamento.

O Madrid CFF levou unha alegría esta semana posto que unha das súas canteirás, Vicky López, agora nas filas do FC Barcelona, logrou o Trofeo Kopa 2025 como mellor xogadora do mundo en categoría sub-21.

Finalizado o choque, As Nosas adéstranse de novo o luns 29 de setembro a partir das 10:30 en Abegondo.