O Dépor mídese mañá domingo 18 de febreiro (19:00 horas, TVG-2 e FEF TV) en ABANCA-RIAZOR á SD Tarazona en partido correspondente á 24ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.
Imanol Idiakez presumiu onte en rolda de prensa de contar cun cadro "moi profesional, moi comprometido e é unha gran noticia para nós que a xente que ten menos minutos traballe como traballa".
Os resultados da última xornada, co triunfo (0-5) nas Gaunas, deixaron a Os Nosos en 3ª posición da táboa con 41 puntos, só superados pola SD Ponferradina (2º con 44 punto) e polo Nástic de Tarragona (líder con 45).
"Non temos queixa, foi a semana ben", aseguraba onte o técnico deportivista. "Temos a todo o mundo dispoñible. É verdade que ao haber 8 días de partido a partido sempre hai que controlar un pouquiño a semana", engadiu.
Só Rubén será o representante de #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 23. A única baixa obrigatoria é a de Davo, que cumprirá mañá o seu segundo e último partido de sanción pola súa expulsión no partido contra a SD Ponferradina.
Un dos futbolistas co que o corpo técnico e os Servizos Médicos tiveron especial precaución durante a semana foi Barbero (na foto da noticia), titular a pasada fin de semana en Logroño. Imanol Idiakez subliñou ante os medios de comunicación que "está mellor esta semana mesmo que a semana pasada, que xa vos contei que tiñamos algunha dúbida, de que tiñamos que tomar esa decisión. As súas sensacións o mesmo domingo (pasado) eran mellores que entre semana e decidimos apostar por el de inicio. Fixo un bo traballo, fixo gol e esta semana a verdade é que pouquiño a pouco ha ir mellor. Ímoslle coidando, imos preguntándolle moito. Os Servizos Médicos, os fisios e os preparadores físicos, están a traballar unha chea con el e con todos. Como é natural en principio segundo vaia acumulando minutos estará en mellor condición".
O Dépor realizou esta mañá unha última sesión de traballo en Abegondo, consistente nunha activación cun roldo no campo 2; e un repaso ao plan de partido e ás accións a balón parado no campo 3.
Na primeira volta disputada o pasado 19 de novembro no Polideportivo Municipal de Tarazona houbo empate (1-1). Jaime adiantou ao Dépor no minuto 86 e empatou Cubillas, o seu dianteiro de referencia, no desconto.
Precisamente mañá domingo o ex fabrilista será baixa en ABANCA-RIAZOR por sanción. O preparador deportivista apuntou respecto diso que "tiñamos un pequeno gafe con Cubillas aquí no Dépor a temporada pasada (marcou o 4-3 definitivo no play off co CD Castellón), o partido de ida... Teñen a Guiu, que é o que está normalmente xogando cando non está Cubillas, mesmo ás veces xuntos. Ficharon a Ballo no mercado de decembro, que é un mozo tamén con moitísimo poder físico. Seguramente Molo (o seu técnico) preferiría ter a Cubillas, pero ten substitutos e nese aspecto non creo que vaia a cambiar moito a formulación".
A SD Tarazona, que a pasada fin de semana igualou (0-0) no seu campo coa UE Cornellà, é 15º con 24 puntos.
Fóra de casa esta temporada os aragoneses gañaron á SD Ponferradina (0-1); empataron coa UE Cornellà (1-1), CD Arenteiro (1-1), Unionistas de Salamanca CF (0-0), Osasuna B (1-1) e CD Teruel (0-0); e caeron coa Real Sociedad B (1-0), Celta Fortuna (1-0), Real Unión (1-0), SD Logroñés (2-1), Nastic de Tarragona (2-1) e CE Sabadell FC (3-1).
O do Dépor será o último partido da xornada dos equipos involucrados na pelexa polos postos altos; posto que Cultural Leonesa e SD Ponferradina xogan hoxe sábado; e Celta Fortuna e Nastic de Tarragona mañá domingo pero ás 12:00 e 18:00 respectivamente.
O adestrador branquiazul restou importancia a esta circunstancia onte ante os medios de comunicación: "Para empezar non se adoita poder elixir porque o decide a Federación así que o que che toca tócache. Hai uns anos, cando era máis novo e tocábame de último pasábame toda a xornada vendo os resultados dos demais e co teléfono sufrindo a ver se meten gol ou non meten gol. Cando te fas máis maior dásche conta que iso é sufrir por sufrir e o que teña que ser que sexa. Aínda é demasiado pronto. É verdade que cando chegan as xornadas finais e si que a diferenza é cortita xogar antes ou xogar despois cambia un pouquiño; pero como sempre se xogas primeiro e ganas a fin de semana é marabilloso. Eu sempre digo que o mellor do adestrador é xogar o sábado e gañar, e ver a xornada do domingo, que a ves moi relaxado. Se xogas último estás un pouquiño máis en tensión. Si que nas xornadas finais cambia un pouquiño pero aínda co que queda non creo que cambie moito".
Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o luns 19 ás 11:00 en Abegondo.
