RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Un Dépor "cunha convicción moi clara" arrinca marzo en Zubieta ante a Real Sociedad B sen Yeremay pero cun recambio "perfectamente capacitado"

O Dépor inicial o mes de marzo este domingo 1 ás 14:00 (LaLiga TV, TVG, GOL e Cayo TV) no Estadio Zubieta ante a Real Sociedad B en partido correspondente á 28ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Os resultados da última xornada, co triunfo en ABANCA-RIAZOR ante a SD Eibar, deixan a Os Nosos en 4ª posición con 46 puntos.

Antonio Hidalgo subliña que "estamos nunha época bonita para poder instalarnos nunha boa posición e chegar ás últimas xornadas para pelexar polo obxectivo marcado a principio de temporada. E coa convicción moi clara".

O equipo ten a baixa de Yeremay, sancionado pola súa expulsión ante a SD Eibar e ademais cunha pequena lesión nun aductor.

O técnico deportivista non se fixa un prazo para o seu regreso: "Imos ver esa evolución como é. Entendemos que non é moita cousa. Tentaremos que estea canto antes para render a ese máximo nivel".

Afirma que Yeremay "é o noso estandarte. Non vou descubrir agora o que nos dá. O xogador que salga na súa posición está perfectamente capacitado para poder seguir dando o nivel ou outra versión por características diferentes. Elixiremos a mellor opción".

O primeiro cadro, ademais do fabrilista Bil, realizou un último ensaio este sábado no Dépor Training Center antes de viaxar por estrada a San Sebastián.

O corpo técnico, após unha activación con rondos, dispuxo unha tarefa de transicións e fútbol reducido para concluír.

O preparador branquiazul admitiu que o seu desexo é que "cando nos poñamos por diante sexamos capaces de seguir facendo o que viñamos facendo". 

Pola súa banda, a Real Sociedad B, que na pasada xornada venceu por 0-2 en Cádiz, é 14ª con 34 puntos.

No partido da primeira volta disputado en ABANCA-RIAZOR o pasado 13 de decembro gañaron os realistas por 0-3.

En San Sebastián esta liga o conxunto donostiarra gañou ao Real Zaragoza (1-0), FC Andorra (3-0), SD Huesca (2-0), CD Leganés (2-1), Real Valladolid (1-0) e Málaga CF (2-1); empatou coa UD Almería (2-2), Cádiz CF (3-3), Córdoba CF (1-1), Albacete Balompié (0-0) e UD Las Palmas (1-1); e perdeu co Sporting de Gijón (0-1) e AD Ceuta FC (1-3).

O seu adestrador, Jon Ansotegui, manifestou na sala de prensa que "demostramos que podemos ser competitivos ante calquera rival".

Do Dépor, advirte que "teñen diferentes rexistros. Ás veces tentando sacar o balón desde atrás co lateral esquerdo máis alto; con 3 ou 4 xogadores nesa media punta que cando enganchan son do mellor que hai na categoría".

Finalizado o encontro, Os Nosos regresan en autocar e adéstranse de novo o luns 2 de marzo ás 11:00 no Dépor Training Center.