O Dépor completou este xoves 29 de xaneiro unha nova sesión de adestramento entre os campos 2 e 3 do Dépor Training Center.
Jose Ángel admitiu que a semana é "dura", e aclara os motivos: "Tiñamos moita ilusión, moitas ganas no partido do Real Racing Club. Non fixemos mal partido, non creo que o xusto fose a derrota pero isto é fútbol".
Un dos capitáns de Os Nosos subliña agora que "a experiencia deume o saber como tratar cando veñen derrotas. O máis intelixente é pasar páxina, corrixir erros e centranos no seguinte partido", concretamente este sábado 31 de xaneiro ás 18:30 (LaLiga TV, TVG, GOL, TEN e Cayo TV) no Estadio Reino de León ante a Cultural Leonesa.
O corpo técnico encabezado por Antonio Hidalgo dispuxo como tarefa principal unha tarefa táctica 11 contra 11 no campo 2 e un ensaio de accións a balón parado.
Unha activación con rondos e un exercicio de posición completaron a xornada.
Jose Ángel subliña que "sempre se fallan cousas. Ningún equipo é perfecto. Estamos en constante crecemento e melloría".
Noé e Bil foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Este venres 30 de xaneiro Os Nosos adestraranse a partir das 12:00 no Dépor Training Center. Ao concluír, os convocados partirán de viaxe por estrada a León.
