O Dépor recibe mañá domingo ás 19:00 horas nun abarrotado (desde hai días) ABANCA-RIAZOR (TVG e FEF TV) ao gran rival, o FC Barcelona Atlètic, en partido correspondente á 36ª xornada (antepenúltima) no grupo 1º de Primera Federación.
Imanol Idiakez mostrouse consciente onte venres na sala de prensa "do que hai ao redor, o que nos xogamos, a importancia do partido e por suposto que como adestrador teño que contar con todo iso para poder facer o meu traballo; pero o equipo está preparadísimo, demostrou madurez desde hai moito tempo. Levamos semanas co liderado e con esa presión dos demais empuxando e demostrou a capacidade que tivo para estar de pé, para aguantar e para liquidar as situacións. Estou convencido que imos facer un bo partido e teño a ilusión de que podemos conseguir a vitoria".
Os resultados da pasada fin de semana, co triunfo (0-1) deportivista en Sestao, e a falta de 9 puntos en xogo, deixaron a Os Nosos á fronte da clasificación con 71 puntos por 67 precisamente do filial azulgrana.
O técnico subliña que "estamos moi ilusionados con poder conseguir o obxectivo e sobre todo con dar alegría a tanta xente, que é o máis bonito que che pode pasar nun club como leste".
Asegurou que "todo o mundo que está aquí dentro, neste vestiario, currouno. Todo o mundo está a facer unha temporada buenísima. Todo o mundo, o que xoga máis, o que xoga menos, está involucradísimo co proxecto, co Dépor, co equipo, cos compañeiros".
Despois do último adestramento esta mañá consistente nunha activación con roldo no campo 2 e un último repaso ao plan de partido no campo 3, todo o cadro, ademais do canteirán Rubén López, está citado para mañá.
Iso si, será baixa por lesión Hugo Rama, con adestramento personalizado estes días.
O técnico branquiazul advirte que "temos que centrarnos no xogo e ademais é que é a realidade, que o que pase, a consecuencia do que sexa, vai depender de como xoguemos".
Desexa que "os xogadores o domingo teñan un bo día. Sabemos que #ANOSAFORZA vai estar empuxándonos, imos ser 12 e nese aspecto oxalá podamos sacalo porque temos un rival enfronte de moito nivel, moi bo, que vai vir a xogar con esa tranquilidade que che dá o ser tan novo e ser un filial que igual o obxectivo non é tan importante como o xogo. Nós temos que igualar aí, pornos no xogo, pór o foco aí; e entender que é un rival que nos vai a esixir nosa mellor versión como nolo esixiu na ida".
Precisamente nese choque disputado no Estadi Johan Cruyff o pasado 3 de decembro gañou o Dépor (1-2) con goles de Villares e Davo, este último no desconto; nun encontro que considera Imanol Idiakez como "boa referencia do que pode ser o domingo. Imos ver se somos capaces de conseguir un resultado como o da ida".
O filial azulgrana, que a pasada fin de semana dobregou (2-1) á SD Tarazona en Barcelona, esta temporada fóra de casa gañou á SD Tarazona (0-2), Sestao River (1-3), CF Rayo Majadahonda (1-2), UE Cornellà (0-2), CF Fuenlabrada (1-2), CE Sabadell FC (0-1), CD Teruel (2-4), CA Osasuna B (2-3) e SD Ponferradina (1-3); empatou co CD Lugo (1-1) e Real Unión (0-0); e perdeu coa SD Logroñés (1-0), Nástic (1-0), Real Sociedad B (1-0), Cultural Leonesa (3-1), CD Arenteiro (2-0) e Unionistas de Salamanca CF (4-1).
Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o martes 14 de maio ás 11:00 en Abegondo, con almorzo previo para o cadro a partir das 8:30.
