RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Un Dépor suficientemente preparado para superar calquera baixa visita mañá ao CF Rayo Majadahonda con 1.500 deportivistas nas bancadas

O Dépor, arroupado por uns 1.500 deportivistas, visita mañá sábado 23 de marzo ás 18:00 (FEF TV) ao CF Rayo Majadahonda no Cerro del Espino en partido correspondente á 29ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

Os resultados da última xornada, co empate en ABANCA-RIAZOR ante a CE Sabadell FC (1-1), deixaron ao equipo branquiazul líder unha semana máis do grupo 1º con 52 puntos; por 51 puntos do FC Barcelona Atlétic e Nástic de Tarragona; e 50 puntos da SD Ponferradina.

É baixa forzosa David Mella, concentrado coa selección española sub-19 no Mini Torneo Elite de Eslovenia, acompañado polo fabrilista Kevin Sánchez; ademais de Lucas Pérez, por unhas molestias físicas que lle impediron adestrar durante toda a semana.

En rolda de prensa, Imanol Idiakez xa anticipara que tiña que, "cos doutores e o xogador, tomar a última decisión. Eu creo que vai ser dúbida. Imos valoralo para tomar a decisión definitiva".

Iso si, recalca que "o importante para min é que non é grave. Imos ver se está para mañá e se non espero que estea para a semana que vén. É unha molestia que lle está amolando pero non é grave", insiste.

O técnico deportivista advirte que "temos un cadro suficientemente preparado para superar calquera baixa e mañá imos con todas as da lei".

Rubén López é o representante de #ANOSACANTEIRA na citación de 23 futbolistas que viaxan a Madrid á primeira hora da tarde.

O equipo realizou esta mañá a última sesión de adestramento en Abegondo, cunha activación con roldo no campo 2; e un último ensaio ao plan de partido e ás accións a balón parado no campo 3.

Na primeira volta en ABANCA-RIAZOR o pasado 27 de agosto (1ª xornada de liga) houbo empate sen goles (0-0) entre coruñeses e madrileños.

O CF Rayo Majadahonda, que o domingo igualou en Espiñedo (2-2) ante o CD Arenteiro, chega ao partido na última posición da táboa con 24 puntos.

No seu campo do Cerro del Espino esta temporada, os rayistas gañaron á CE Sabadell FC (3-1), CD Arenteiro (2-0) e SD Logroñés (1-0); empataron co Nástic (1-1), Celta Fortuna (1-1), CD Teruel (0-0), CF Fuenlabrada (0-0), Cultural Leonesa (1-1), Real Sociedad B (1-1) e Real Unión (1-1); e perderon co CD Lugo (1-2), FC Barcelona Atlétic (1-2), Sestao River Club (0-2) e UE Cornellà (1-3).

Finalizado o encontro, Os Nosos regresan por estrada e adestraranse de novo o luns 25 ás 11:00 en Abegondo.